Deporte, teatro, actuacións musicais e arte urbana completarán a programación do Tour do Talento durante a fin de semana

A xira, impulsada pola Fundación Princesa de Girona e o Concello de Lugo, despedirá a súa parada na cidade cunha axenda de actividades de ocio e lecer para todas as idades.

O sábado, na Horta do Seminario, haberá un torneo de baloncesto e concurso de DJ’s, un taller de graffitis e a representación da obra Quen ocupa esa cadeira? de Palimoco Teatro.

Ademais, celebrarase a quinta proba do XXI Circuito Larsa Corre con nós 2023, que partirá do Pazo de Feiras e Congresos e para a que xa hai máis dun millar de inscritos.

O domingo terá lugar unha visita guiada polos grafitis lucenses, a cargo de Concepto Circo e Diego As e, como broche de ouro, unha actuación da Orquestra Terranova.

Venres, 05 de maio de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Deporte, teatro, actuacións musicais e arte urbana completarán a programación do Tour do Talento durante a fin de semana

O Tour do Talento despedirá a súa parada en Lugo durante a fin de semana cunha completa programación de ocio e lecer destinada, especialmente, aos mozos e mozas da cidade, pero tamén con actividades para todos os públicos e idades. Despois dunha intensa semana de obradoiros, mesas redondas, conferencias, visitas guiadas e da celebración do acto central de proclamación do Premio Princesa de Girona de Investigación Científica; esta xira impulsada pola FPdGi, da man do Concello de Lugo, encara a súa recta final con unha ampla axenda de actividades durante o sábado e domingo.

O sábado, de 11:00 a 20:00 horas, na Praza Horta do Seminario, celebrarase un campionato 3x3 de baloncesto na rúa, que estará dirixido pola Fundación Breogán. Será aberto e con entrada libre ata completar aforo. Instalaranse para iso na praza: tres pistas para torneo 3x3 e unha pista para torneo de triplos. Para o torneo 3x3 os equipos deberán están conformados por un máximo de 4 xogadores. Paralelamente e a modo de ambientación terá lugar un concurso de DJ’s.

Pola tarde, neste mesmo emplazamento, terá lugar un taller de graffitis, con entrada libre, da man da agrupación lucense Concepto Circo, dedicada ao deseño de murais e grafitis ilustrativos, a través do que ensinarán durante 4 horas, de 16:00 a 20:00, os segredos e habilidades desta arte urbana que se atopa en auxe.

Paralelamente, a Escola Palimoco Teatro interpretará a obra “Quen ocupa esa cadeira?”, dúas horas de fragmentos de obras clásicas coa participación do público, que comparte “esa cadeira” cunha actriz ou actor da compañía. Neste cara a cara é posible interactuar con personaxes saídos do Século de Ouro nunha performance que se poderá desfrutar de 17:00 a 19:00 horas.

Así mesmo, a carón do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo terá lugar a quinta proba do Circuito Larsa Corre con nós 2023, enmarcada tamén na programación do Tour e para a que xa hai máis dun millar de inscritos. O programa da mesma será o seguinte:

  • 16:00h – 17:00h Benvida e recibimento dos participantes.
  • 17:00h Saída da categoría MINI.
  • 17:05h Saída das categorías SUB10 e SUB12.
  • 17:15h Saída das categorías SUB14 e SUB16.
  • 17:30h Saída da categoría ABSOLUTA.

Xa o domingo, terá lugar unha visita guiada polos grafitis lucenses, a cargo de Concepto Circo e Diego As. Partirá da Praza Horta do Seminario ás 11:30 horas e percorrerá un itinerario con 5 paradas diferentes:

  • 1ª parada Rúa do Esquecemento: Farase unha pequena visita por todas as obras de arte da rúa, comentando curiosidades e técnicas dos distintos artistas implicados.
  • 2ª parada Casas Sindicais: Visitaranse as catro obras da zona. Desde esa zona, sairase á Rolda e subirase á Muralla Romana.
  • 3ª parada Muralla Romana: Visitarase o grafiti de Julio César, obra de Diego AS e elixido como número un en 2021, na votación organizada pola comunidade Street Art Cities.
  • 4ª parada Muralla Romana: Tamén se visitará o grafiti “A Castrexa”, recentemente terminada por parte do artista Manuel Pallín. Finalmente, baixarase da Muralla en fronte da Catedral, onde terminará o itinerario.

Como broche de ouro do Tour do Talento, terá lugar, de 12:30 a 13:30 na Praza Horta do Seminario, o concerto da orquestra lucense Terra Nova, creada para fomentar a música clásica. Unha orquestra instrumental formada por mozas entre 15 e 35 anos, dirixida polo recoñecido músico bonaerense, Nicolás Ravelli Barreiro, residente na cidade amurallada.

Noticias relacionadas