Continúa aberto o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais dependentes da Concellería de Educación

Felipe Rivas: “este ano, as escolas serán totalmente gratuítas, polo que as familias só terán que asumir os custos do comedor”

A solicitude pode presentarse a través da sede electrónica do Concello de Lugo

Martes, 29 de marzo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Continúa aberto o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais dependentes da Concellería de Educación

O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, lembrou que continúa aberto o prazo de matrícula nas Escolas Infantís Municipais. Rivas explicou que “o prazo de matrícula continuará aberto ata o vindeiro luns, 4 de abril”, e engadiu “este ano as escolas serán gratuítas para as familias, que só deberán asumir os custos do comedor”.

Os custos do comedor das Escolas Infantís Municipais varía segundo a renda das familias, cun prezo máximo de 50,23€ mensuais. O horario de apertura das catro escolas municipais é de 8:00 a 20:00, estando o horario de tarde condicionado a contar cun mínimo de matrícula, segundo o estipulado na folla de solicitude de praza.

As familias interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 4 de abril, a través da sede electrónica ou no rexistro presencial, solicitando cita previa a través do formulario habilitado na web do concello de Lugo ,(http://concellodelugo.gal/gl/tramites/cita-previa).

A información do procedemento pode consultarse no BOP do 7 de marzo, no Taboleiro de Anuncios do Concello de Lugo, nas Escolas Infantís Municipais e nas oficinas da Concellería de Educación.

Audio

  • O concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre a matrícula das EIM | Descargar mp3

Noticias relacionadas