As concellerías de Educación e Cultura activan un servizo de impresión a demanda para as escolares e estudantes de Lugo

Felipe Rivas: “queremos que o confinamento teña o menor impacto posíbel no desenvolvemento da actividade educativa”

As persoas interesadas deberán enviar os arquivos a imprimir ao correo impresionslugo@gmail.com xunto cun teléfono de contacto

Venres, 03 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As concellerías de Educación e Cultura activan un servizo de impresión a demanda para as escolares e estudantes de Lugo

O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, anunciou que “dende o concello de Lugo poñemos a disposición de todas as escolares e estudantes un servizo de impresión de materiais educativos”. O servizo ponse en marcha en colaboración coa área de Cultura “para todas as familias que non conten medios para seguir a formación en liña ou precisen de material en papel e non poidan afrontar a impresión que, en condicións normais, sería asumida polos centros educativos”.

“Queremos que o confinamento teña o menor impacto posíbel no desenvolvemento da actividade educativa”, afirmou Felipe Rivas, que engadiu “poñemos en marcha este servizo para que todas as escolares e estudantes de Lugo continúen a ter acceso aos documentos que sexan imprescindibles para continuar coa actividade lectiva”.

Para utilizar o servizo, deberanse enviar os arquivos a imprimir ao correo impresionslugo@gmail.com, xunto cun teléfono de contacto. Unha vez impresos os documentos, contactarase por teléfono para concertar a data de recollida dos documentos.

Audio

  • O Concelleiro de Educación e Difusión do Coñecemento, Felipe Rivas, sobre a impresión á demanda | Descargar mp3

Noticias relacionadas