A alcaldesa, Lara Méndez e a edil Olga López visitaron ás participantes nos obradoiros do programa ‘Emprego e Saúde a Través do Empoderamento’ que se impartiu no centro Uxío Novoneyra.

O Executivo de Lara Méndez, a través da concellería de Benestar Social, continúa apostando por mellorar a calidade de vida das mulleres con diversidade.
Un obxectivo para o que a Administración local mantén como aliada á Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) coa que colabora na organización do programa ‘Emprego e Saúde a Través do Empoderamento’ que se imparte no Centro Cívico Uxío Novoneyra.
A rexedora e a edil visitaban ás participantes nestes obradoiros cos que se pretende afondar no autocoñecemento das mulleres e fomentar a adquisición de hábitos de vida saudables, reforzando as súas habilidades persoais para a busca de emprego. “Isto repercute moi positivamente na reeducación das características propias e contribúe a garantir a igualdade de oportunidades ao tempo que se propicia a participación social e activa das mulleres con discapacidade”, sinalou Olga López.
A responsable da área de Benestar explicou que o programa se dividiu en catro sesións.
Na primeira delas, empregáronse dinámicas teatrais, como ferramenta para impulsar o empoderamento das participantes e aproveitáronse os beneficios dunha actividade lúdica como é o teatro para desenvolver a creatividade, mellorar as habilidades de comunicación e intensificar a cohesión grupal.
Na segunda sesión abordáronse a prevención das violencias sexuais. A través dun clima de confiaza en grupo fomentouse o análise e comprensión das distintas violencias, a expresión de experiencias persoais, a prevención e manexo de situacións de violencia, así como a promoción de relacións sexoafectivas baseadas no respecto, o desexo e o consentimento.
A terceira sesión estivo orientada ao empoderamento e enriquecemento erótico. Tendo como fio condutor a elaboración de diferentes manualidades relacionadas co erotismo. Para iso traballouse na promoción do autocoñecemento e a vivenza dunha sexualidade plena e saudable.
E, finalmente, a última sesión centrouse no manexo das TICS como ferramentas para facilitar a busca online de emprego sen esquecer a importancia da identidade e a seguridade dixital.
Tanto a rexedora local como a concelleira destacaron a importancia de darlle continuidade a este tipo de iniciativas, pola súa repercusión en todas as facetas vitais das participantes e no tecido social en xeral, mentres que as 12 mulleres que asistiron a estas accións grupais valoraron de xeito moi positivo tanto a formación – que lles resultou moi satisfactoria – como as temáticas escollidas e as e os profesionais que as impartiron.