A Concelleira de Economía visitou as actividades de promoción do cooperativismo que teñen lugar no CEI NODUS nas que participan 500 persoas

Venres, 22 de outubro de 2010
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Economía e Emprego, Sonia Méndez, visitou hoxe as actividades que se desenvolven no CEI Nodus para fomento e promoción do cooperativismo nas que participan hoxe alumnos do IES Virxe dos Ollos Grandes.

Sonia Méndez explicou que o Concello de Lugo “trata de promover o cooperativismo porque é unha forma xurídica de empresa acaida ós tempos de crise xa que as cooperativas sobreviven mellor ás dificultades económicas, ademais de ter moita tradición en Galicia agricultura, pesca sostible”.

Por este motivo, o Concello está a organizar durante todo o mes unha serie de actividades nas que participan orredor de 500 persoas.

Durante esta semana estanse a realizar no CEI Nodus charlas e obradoiros dirixidos a alumnos de centros escolares de Lugo co obxectivo de achegalos ó mundo empresarial e aproveitan para coñecer as instalacións do CEI e o Espazo Lab.

Nestas visitas, que rematan hoxe, participan preto de 200 estudantes. Sonia Méndez explicou que se trata de que “a mocidade lucense saiba que unha vez rematados os seus estudos teñen un lugar ó que acudir para poñer en marcha iniciativas empresariais”.

Méndez tamén adiantou que o programa de promoción e fomento do cooperativismo rematará a semana que vén cunha xornada na que participarán distintas cooperativas para amosar a súa experiencia a persoas que busca emprego ou que queren crear a súa propia empresa.

Entre as cooperativas que participarán na xornada figuran Moega e Milhulloa que que foron premiadas recentemente polo Ministerio de Medio Ambiente, Rural e Marino pola súa labor a prol do desenvolvemento rural. Son dúas cooperativas que foron creadas por mulleres “e a creación de empresas por mulleres é un feito que tamén se trata de fomentar desde o Concello de Lugo”, declarou a Concelleira de Economía e Emprego.

cei.lugo.es

 

Multimedia

Noticias relacionadas