A Concelleira de Benestar recibe a representantes de AFALU e profesionais sanitarias de Cuba expertas en alzheimer

Mércores, 02 de marzo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Concelleira de Benestar recibe a representantes de AFALU e profesionais sanitarias de Cuba expertas en alzheimer

A Concelleira de Benestar Social, Ana González Abelleira, recibiu na tarde deste martes na casa consistorial á presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFALU), Carmen López Ledo, ao director do centro de día de alzheimer que xestiona a asociación na cidade, Valentín Calviño Fondevila, e a dúas profesionais sanitarias de Cuba expertas na enfermidade, Zoraida Suárez Castellanos, doutora en Xeriatría, e Estrella Llanes Aguiar, traballadora social, que están en Lugo no marco do programa de cooperación que desenvolve AFALU co fin de intercambiar e mellorar coñecementos sobre esta demencia.

Esta xuntanza substituíu á visita que estaba programada para esta tarde ás instalacións do centro de día de alzheimer, e que tivo que ser aprazada por motivos alleos a AFALU e ao Concello.

Na reunión, a Concelleira ratificou o apoio municipal a AFALU, entidade social coa que colabora anualmente cunha achega económica de 10.000 euros, ademais de cederlle un espazo no centro Clara Campoamor.

O centro de día de Alzheimer xestionado por AFALU pertence á rede pública deste tipo de centros da Xunta. Situado na rúa Juana la Loca, ten 40 prazas de capacidade. A través dun procedemento negociado con publicidade e tramitación urxente da xestión en réxime de concesión, AFALU xestiona o centro dende o día 1 de marzo de 2010.

Noticias relacionadas