Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Xoves, 26 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Comunicado de prensa de Policía Local de Lugo

Auxilio a cidadáns

Ás 19’30 do luns, un indicativo da Unidade Territorial de Policía de Barrio trasládase a un inmoble de Rúa Primavera, onde hai un individuo durmindo no cuarto de contadores. Os axentes comproban que o mozo se atopa totalmente desorientado, xa que, a pesar de manifestar vivir nese edificio non recoñece ningunha estancia e compróbase que non reside no mesmo. Os axentes saen ao exterior co home, que manifesta vivir noutro dos edificios próximos, o cal resulta tamén falso.

O mozo manifesta lembrar saír de cea de empresa, pero nada máis. Solicítase colaboración de servizos sanitarios, acudíndose no lugar unha ambulancia, que procede ao seu traslado ao HULA para unha mellor valoración. Os axentes conseguen localizar a un familiar do home telefonicamente, informándolle do ocorrido.

Ás 17’35 horas do martes, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa desorientada nas inmediacións da Calzada da Ponte. Un indicativo de Policía de Barrio localiza á persoa á beira da Ponte Romana, acompañado por dous viandantes que lle estaban axudando. Tras realizar diversas investigacións, os axentes acompañan ao home ao asilo de anciáns do cal faltaba e desde onde manifestan que estaban a piques de solicitar axuda para a súa procura.

Ás 8’00 horas do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre unha persoa tendida na vía pública (Mariña Española) e sangrando pola cabeza, polo que comisiona de inmediato no lugar un indicativo da Policía de Barrio. Os axentes comproban a veracidade da información, manifestando o home ser agredido polo propietario dun establecemento próximo, que nese momento atópase pechado ao público. É trasladado a un centro sanitario por unha ambulancia, sendo informado do procedemento para seguir para formalizar denuncia polo ocorrido.

Ás 19’40 horas do mércores, un indicativo da Unidade Territorial da Policía de Barrio que realizaba patrulla preventiva polo barrio da Milagrosa observa, na rúa Luís Seoane, a presenza dunha ambulancia en servizo de urxencia, polo que se deteñen para colaborar coa mesma. Trátase dun home que sufrira unha caída, posiblemente por acharse influenciado pola inxesta de alcol. É trasladado ao HULA para unha valoración completa, sendo acompañada a ambulancia polo indicativo policial.

Venda ambulante sen autorización

Os axentes que formaban parte do dispositivo de vixilancia e control do mercadillo de Frigsa, durante o martes 24, procederon á identificación de tres persoas que se dedicaban á exposición de diversos artigos para a súa venda, carecendo da preceptiva autorización municipal, polo que se confeccionaron as correspondentes actas por infracción á Lei de Seguridade Cidadá.

Queixas por ruídos

Ás 00’30 horas do xoves, os axentes do Grupo Operativo Nocturno trasládanse a un domicilio da Avd. da Coruña, do cal proceden cantos e palmas que non permiten o descanso veciñal. Os axentes entrevístanse co morador da vivenda, que manifesta estar a celebrar o Nadal e non ser consciente das molestias que estaba a causar, as cales cesan de inmediato.

Ás 4’30 horas do mércores, a Sala do 092 recibe queixas polo ruído procedente dun establecemento da zona norte da cidade, polo que envía ao lugar dous indicativos do Grupo Operativo Nocturno.  Os axentes comproban que no local hai varios clientes, aínda que non se escoita música, polo que advirten á encargada de que se atopa en horario de desaloxo, polo que cesa a actividade do local e procede ao seu desaloxo.

Incendio en vehículo

Ás 4’35 horas do xoves, cando un indicativo do Grupo Operativo Nocturno realiza patrulla preventiva pola rúa Otero Pedrayo observa un vehículo estacionado que se atopa ardendo, polo que solicita de inmediato a presenza do Servizo de Extinción de Incendios. Mentres se produce a chegada dos Bombeiros, os axentes utilizan o extintor da patrulla policial, doutro indicativo que se presenta para colaborar e dun edificio próximo, á vez que localizan ao titular doutro automóbil estacionado preto do que se atopa en chamas, que é retirado para evitar que resulte afectado. Finalmente é lume é extinguido polos Bombeiros.

Deslucimiento de inmobles

Ás 7’30 horas do mércores, a Sala do 092 recibe información sobre un grupo de mozos realizando “pintadas” na rúa Montero Ríos, polo que despraza ao lugar un indicativo de Policía de Barrio. Os axentes contactan coa requirente, que ofrece unha descrición de dous mozos, que son localizados na rúa Castelao, séndolles intervidos oito esprays, luvas de traballo, rotulador permanente e unha bolsa con embocaduras. Os axentes tamén comproban que, tanto a roupa como as mans dos mozos, presentan restos de pintura fresca.

Realízase unha inspección ocular pola zona e localizan máis pintadas en edificios da Rolda da Muralla, polo que se confecciona acta - denuncia por unha presunta infracción á Lei do Solo de Galicia, que podería ser castigada cunha sanción pecuniaria entre 300 e 6.000 euros.

Danos en vehículos

Ás 13’20 horas do luns, a Sala do 092 comisiona varios indicativos de Policía de Barrio na Rolda Xosé Castiñeira, onde un home vestido de negro, con carapucha, estaba a causar danos nos espellos retrovisores dos vehículos. Os axentes localizan ao suxeito nas inmediacións e proceden á súa identificación, á espera de determinar a contía dos danos, xa que só se localiza un turismo co espello roto e outro con el virado, aínda que aparentemente sen danos.

Os axentes localizan ao titular do vehículo danado e infórmanlle dos pasos para seguir para formalizar denuncia polos feitos.

Negativa a identificarse / falta de respecto

Durante a mañá do mércores, cando os axentes de Policía de Barrio corrixían unha infracción de tráfico na rúa Lambas de Prado (un vehículo estacionado sobre a beirarrúa durante longo período de tempo), se persoa quen di ser o seu titular e comeza a increpar aos axentes, proferindo frases despectivas e insultantes cara aos mesmos, que requiren a súa identificación, negándose a facilitala e introducíndose nun local próximo, polo que ten que ser seguido polos policías. Finalmente conséguese a súa filiación, sendo denunciado por dúas infraccións á Lei de Seguridade Cidadá, unha pola falta de respecto e consideración aos axentes da autoridade e outra pola negativa para facilitar os seus datos de indentificación.

Noticias relacionadas