A comisión da Residencia pide reunións co xerente do SERGAS e a delegada da Xunta, e unha visita ao antigo Xeral

A mesa de traballo, reunida este xoves, quere “coñecer de primeira man os proxectos reais” que ten o Goberno galego para as instalacións

Xoves, 05 de novembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A comisión da Residencia pide reunións co xerente do SERGAS e a delegada da Xunta, e unha visita ao antigo Xeral

A comisión constituída hai unha semana co obxecto de buscar solucións que revitalicen o barrio da Residencia reuniuse de novo este xoves no Salón de Comisións do Concello. Na xuntanza, presidida polo voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, asistiron, ademais de representantes dos grupos políticos da Corporación, a directora do CEIP Casás e o do colexio Menéndez Pelayo, así como o do instituto Leiras Pulpeiro, tal e como se acordou na constitución da mesa de traballo.

Na sesión de hoxe consensuouse solicitar unha reunión co xerente do SERGAS, Antonio Fernández-Campa, para concretar unha visita ás instalacións do antigo Xeral, tal e como deu a coñecer Fernández. Neste senso, a mesa de traballo tamén acordou solicitar unha entrevista coa delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, co obxecto de “coñecer de primeira man os proxectos reais” que ten o Goberno galego para dotar de servizos ás antigas instalacións do Xeral. “Prometeron un centro de saúde propio para o barrio da Residencia que non teñen os máis de 2.500 veciños da zona, situar un Punto de Atención Continuada, levar o Laboratorio de Referencia, que afincaron na rúa Montevideo, e desdobrar o centro da Milagrosa, que atende a uns 35.000 pacientes nun espazo reducido e desfasado en prestacións, e non fixeron absolutamente nada, nin tampouco nos Orzamentos do 2016”, destacou Fernández, quen indicou que os veciños lle trasladaron ao Concello a necesidade de dotar á zona dunha biblioteca pública.

Segundo explicou o voceiro municipal, o Concello realizará un informe urbanístico da zona e elaborará e enviará unhas enquisas aos centros educativos, dirixidas ás nais e aos pais dos cativos e cativas, para coñecer as necesidades do barrio.

O vindeiro 19 de novembro, ás 17:00 horas, terá lugar a seguinte reunión desta comisión, que estuda posibles solucións para dotar de novos servizos ao antigo Hospital Xeral, que servía como motor dinamizador deste barrio de Lugo, onde reside entorno a un 15% da poboación lucense, ata o ano 2011, momento no que o PP desmantelou o barrio ao inaugurarse o HULA e non dotar de novos servizos a esta zona.

Noticias relacionadas