“Esperamos que o cambio, non sexa só de nome, senón tamén de xestión e actitude, e que por fin se atendan as demandas de Lugo”, subliña a Alcaldesa

A Alcaldesa, Lara Méndez, asegurou este luns que, coa destitución de Rocío Mosquera como titular da carteira de Sanidade, o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, “ratifica o que xa dixemos os lucenses no seu día, danos a razón, cando recriminamos a actitude da Conselleira”, declarada persoa non grata no Concello a principios deste ano pola negativa a recoñecerlle aos veciños e veciñas de Lugo o dereito a unha atención sanitaria de primeira.
A rexedora espera así mesmo que “non sexa só un cambio de nome, senón un cambio de actitude, e que por fin se atendan as demandas que levamos reivindicando os lucenses dende hai moitísimo tempo, e que garanten a igualdade co resto de galegos”. Lara Méndez subliñou neste senso que a dotación de hemodinámica 24 horas, medicina nuclear e radioterapia farán do HULA “un gran hospital, que conta con profesionais moi bos, e ao que lle faltan estas prestacións para estar ao cen por cen”.
Audio
- Declaracións da Alcaldesa de Lugo |Descargar mp3