Aumenta un 31% o número de solicitudes para participar nas actividades socioculturais do Concello

Rexistráronse un total de 2.649 peticións de matrícula polas 1.810 da pasada edición, o que corrobora o éxito ascendente da oferta proposta polo Executivo de Lara Méndez.

A ximnasia, o ioga e a introdución ao pilates copan unha parte considerable da demanda, seguido pola formación en novas tecnoloxías, a cociña e os talleres de memoria.

As clases de reforzo para primaria e secundaria que se imparten nos distintos centros de convivencia están a consolidarse e os participantes medran pouco a pouco.

Mércores, 27 de setembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Aumenta un 31% o número de solicitudes para participar nas actividades socioculturais do Concello

A proposta sociocultural do Executivo de Lara Méndez experimentou un considerable incremento de demanda para a tempada 2023-2024. En concreto, as actividades organizadas nos centros cívicos recibiron 2.649 solicitudes, o que supón un incremento do 31% respecto ás peticións para matrícula da pasada edición. “Este programa supón unha importante ferramenta a nivel local para promover os hábitos de vida saudable, especialmente da poboación maior de 60 anos, pero cada ano estamos a ampliar a súa oferta, polo que tamén se  diversifica o seu público”, manifestou a responsable de Cohesión Social, Ana Abelleira, durante o seu balance.

As actividades máis demandadas ata o momento son as relacionadas co exercicio físico. Deste modo, a ximnasia, o ioga e a introdución ao pilates copan unha parte considerable das matrículas. “ Observamos una progresión importante neste sentido. Os usuarios e usuarias están a valorar de forma moi positiva este tipo de disciplinas. O traballo levado a cabo ao longo dos anos axudou a concienciar á cidadanía sobre a importancia do exercicio físico para mellorar a súa calidade de vida, o que se traduce nun importante aumento da demanda esta tempada”, explica a responsable da área de Cohesión Social. Tras estas clases, destaca o interese pola formación en novas tecnoloxías, como informática e o uso de teléfonos móbiles, tamén moi solicitadas, así como as clases de cociña e as sesión de envellecemento activo ou os talleres de memoria.

“O obxectivo final do Goberno local é facilitar que a veciñanza poida gozar dunha vida activa e dispoñan da posibilidade de ter hábitos de vida saudables. Todo isto, tradúcese nunha maior oportunidade de socializar e establecer novas relacións persoais, así como adquirir novas competencias dixitais, o que nos permite combater problemas de gran arraigamento social como a soidade non desexada. Pero este programa está pensado para todas as idades, de feito a matrícula nas clases de reforzo para primaria e secundaria que se imparte nos distintos centros de convivencia está a medrar e aspiramos a que, co tempo, chegue aos niveis doutas actividades xa consolidadas”,  concluíu.

O Concello publicará mañá as listas provisionais e de reserva. A listaxe definitiva exporase o 16 de outubro no taboleiros dos centros. As actividades teñen na súa maioría unha cota simbólica, a máis cara ascende a 20 euros para toda a tempada, sendo outras moitas gratuítas, “en prol da inclusión e para garantir a igualdade de dereitos e oportunidades de toda a cidadanía”, concluíu Ana González Abelleira.

Audio

  • A edil de Cohesión Social, Ana Abelleira, sobre o incremento das actividades socioculturais | Descargar mp3

Noticias relacionadas