A Xunta de Goberno adxudicará mañá a Combina Social o servizo de información e atención nestas dependencias por un importe anual de 61.133 euros.
O Executivo de Lara Méndez achegará unha ampla oferta de dinamización sociocultural á veciñanza de San Xoan do Campo, Calde, Coeses, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás.

Regresa a animación sociocultural aos centros sociais das parroquias.
A concellería de Benestar que dirixe Olga López Racamonde retomará o servizo de información e atención nestas dependencias pulando, ao mesmo tempo, pola integración laboral de colectivos vulnerables.
Así, a Xunta de Goberno Local outorgará mañá ao centro especial de emprego Combina Social a execución deste contrato, que terá unha duración dun ano, prorrogable por outros dous.
A licitación, que suporá un investimento municipal de 61.133 euros, permitirá desenvolver a actividade nos centros de San Xoan de Campo, Calde - San Pedro, Coeses, Saa, Santa María de Bóveda, Santa Comba e Rubiás, nos que se impartirán diferentes contidos de dinamización.
O Executivo de Lara Méndez recupera, por tanto, a programación cultural nos núcleos dunha forma permanente, “logo da pandemia que, durante meses, nos obrigou a manter pechadas estas instalacións e afectou ao aforo permitido, condicionando, alén, a oferta de programación”, lembrou a edil.
“Toda vez superadas esas limitacións, agora, estamos en disposición de mellorar a prestación, posibilitando a apertura dos locais sociais de acordo ás necesidades que nos trasladou a veciñanza á que tamén lle achegaremos interesantes propostas de ocio que redundarán na súa saúde e benestar”, sinalou Olga López.
Así mesmo, na sesión desta semana, o equipo de Goberno adxudicará a adquisición dunha nova furgoneta eléctrica para a Brigada de Augas municipal, financiada a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia –Next Generation EU, logo de que a Administración local concorrera ao programa estatal de incentivos á mobilidade eléctrica – Moves III.
O Executivo de Lara Méndez avanza, deste xeito, na renovación e ampliación da flota de vehículos sostibles do parque móbil, dentro da súa aposta decidida pola sustentabilidade, ligada ao modelo de cidade, resiliente ao cambio climático, que impulsa.
O vehículo, unha Renault Master E – Tech, será adquirido ao Taller Mecánico Craf por un importe de 78.650 euros, que disporá dun prazo de 140 días naturais para entregalo.
Nos últimos anos o Concello de Lugo incorporou novos automóbiles híbridos aos servizos de Policía Local e dos Bombeiros, ao tempo que ampliou a esixencia de contar con este tipo de vehículos, de baixas emisións, ás novas concesións do transporte urbano, a limpeza viaria e recollida de lixo ou o mantemento das zonas verdes da capital.
Audio
- A concelleira de Benestar, Olga López Racamonde, sobre a reapertura dos centros cívicos do rural | Descargar mp3