Ana Prieto recolle en Madrid o premio ao mellor monumento funerario de España

O galardón, outorgado por votación popular ao mausoleo neogótico do cemiterio de San Froilán nun concurso promovido pola revista Adiós Cultural, “fortalece o posicionamento de Lugo como destino cultural no mapa do país”, subliñou a edil

Mércores, 28 de outubro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Na fotografía, a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, acompañada do director da revista Adiós Cultural, Jesús Pozo

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, recolleu este mércores en Madrid o premio ao mellor monumento arquitectónico funerario de España, outorgado por votación popular ao mausoleo neogótico do cemiterio municipal de San Froilán nun concurso promovido pola revista Adiós Cultural.

A primeira tenente de Alcalde subliñou que este galardón “fortalece o posicionamento da nosa cidade como destino cultural no mapa do país”. Prieto mostrou o orgullo que supón para o Concello e os lucenses este recoñecemento, que engrosa “as distincións ao noso patrimonio histórico e cultural, o que dá boa conta dos excepcionais recursos cos que contamos na cidade e potencia, aínda máis, o atractivo turístico de Lugo”.

Neste senso, a edil destacou que o Goberno “está a facer unha aposta firme por consolidar o turismo como motor económico para crear riqueza e emprego. Apostamos por un turismo cultural, gastronómico e accesible, e esta declaración de Mellor Monumento Funerario de España axúdanos a avanzar cara esa meta”.

Así mesmo, agradeceu aos traballadores do Concello, en concreto da área de Servizos Xerais, “o esforzo, compromiso e ilusión” que puxeron para acadar este distintivo.

Noticias relacionadas