“O barrio da Residencia era un dos núcleos neurálxicos da cidade ata hai 5 anos, cando a Xunta de Galicia o desmantelou e o condenou ao olvido co peche do Vello Xeral”, subliñou Lara Méndez
- Tema

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada pola presidenta da Asociación de Veciños e Comerciantes da Residencia, Cecilia Vázquez, realizou este mércores unha visita ao barrio da Residencia para coñecer de primeira man as principais necesidades dos veciños e veciñas deste barrio, que supoñen o 15% da poboación total do municipio. Ao encontro tamén asistiu o voceiro municipal, Miguel Fernández, así como varios veciños da zona.
“No encontro abordamos as prioridades, demandas e proxectos necesarios para garantir o benestar dos veciños e veciñas deste barrio tan desatendido pola Xunta de Galicia”, anunciou a rexedora.
“O barrio da Residencia era un dos núcleos neurálxicos da cidade ata hai 5 anos, cando a Xunta de Galicia o desmantelou e o condenou ao olvido co peche do Vello Xeral”, subliñou Lara Méndez, quen lembrou que “logo de 5 anos, e malia as demandas e sucesivas manifestacións dos veciños e responsables políticos do goberno municipal de Lugo, o barrio nin ten Punto de Atención Continuada nin laboratorio de Referencia, nin se desdobrou o centro médico da Milagrosa; soamente ten un feixe de mentiras”.
“No Concello apostamos polos barrios e polos seus residentes, que son os que verdadeiramente contribúen a facer cidade”, subiñou a Alcaldesa, ao tempo que sinalaba algún dos compromisos que adquiriu no encontro, que pasan, por exemplo, pola instalación de máis puntos de luz.
Pola súa banda, Vázquez agradeceu a preocupación de Lara Méndez por “un barrio olvidado polo Goberno Central e Autonómico”, así como o compromiso do Concello coas reivindicacións veciñais, ao tempo que pedía “unión e colaboración” para buscarlle unha solución á situación do Vello Xeral.

