Paula Alvarellos desexou “éxito nas investigacións centradas no sector primario sostible e que o talento de tanta xente nova quede na cidade a desenvolver os seus proxectos”.

A alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, participou esta mañá na inauguración do primeiro Congreso Ibérico da Mocidade Investigadora, organizado polo Campus Terra da USC, e que estes días se celebra na Escola Politécnica, coa asistencia de 130 estudiantes, procedentes do campus lucense, pero tamén doutras universidades de Galicia e de Portugal. A rexedora municipal puxo en valor “o gran traballo en I+D+i do Campus Terra con proxectos empresariais que permitiron fornecer a nosa economía e dinamizar o sector primario tan importante en Lugo”.
Alvarellos Fondo fixo fincapé nos proxectos que se presentarán neste congreso ao longo dos próximos dous días e das investigacións centradas no avance do sector primario desde un punto de vista sostible. “Son temas moi unidos a Lugo, unha cidade que está a apostar pola sostibilidade, pola posta en valor de espazos naturais e pola loita contra o cambio climático”, sinalou, polo que “agardamos moito éxito futuro deses proxectos e que a xente nova con talento quede na nosa cidade a desenvolver a súa capacidade profesional”.



