A Alcaldesa avoga polos Xogos do Eixo Atlántico como elemento de promoción, de cohesión territorial e de dinamización do interior da Eurorrexión

Lara Méndez, Ricardo Río e Xoán Vázquez Mao presidiron a Comisión Executiva que se celebrou hoxe en Lugo, na que se ratificou a consecución de Lugo, Monforte e Sarria como sede acolledora dos xogos

Martes, 31 de maio de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Alcaldesa avoga polos Xogos do Eixo Atlántico como elemento de promoción, de cohesión territorial e de dinamización do interior da Eurorrexión

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, xunto ao Presidente e o Secretario Xeral do Eixo Atlántico, Ricardo Río e Xoán Vázquez Mao, respectivamente, presidiron este martes a xuntanza que celebrou en Lugo a Comisión Executiva do Eixo Atlántico, á que tamén asistiron representantes dos concellos de Monforte, Coruña, Lalín, Braga e O Barco.

Tras a reunión, a rexedora mostrouse orgullosa de poder acoller esta xuntanza “que puxo en valor novamente a importancia da Eurorrexión como motor dinamizador das distintas zonas e cidades que a compoñemos”. Neste senso, Lara Méndez incidiu en que “ante problemas colectivos, son necesarias solucións comúns, para facerse máis competitivos fronte a outros lugares como o Mediterráneo”. A Alcaldesa tamén avanzou que na xuntanza se fixo fincapé nas infraestruturas, “que significan ter comunicacións entre a Eurorrexión”, pasando en Lugo, en primeiro lugar pola construcción dunha Estación Intermodal, que leva reclamando reiteradamente o Concello, así como pola mellora de comunicacións ferroviarias de cercanías entre a cidade e Ourense e Santiago.

A promoción das cidades a través dos deportes, da cultura e do desenvolvemento sostible, un dos eixos motores da Eurorrexión, foi outro dos temas nos que se centrou a xuntanza, na que tamén se ratificou a consecución de Lugo, Monforte e Sarria como sede acolledora dos Xogos do Eixo Atlántico do 2017, “que cremos que desenvolverán sustancialmente á promoción das tres cidades, e que vai contribuír tamén ao fomento do deporte base”. Para a Alcaldesa acoller este evento trasfronteirizo supón un importante pulo para Lugo “de cara á promoción da nosa cidade, á busca de cohesión territorial e á dinamización da zona interior da Eurorrexión”.

Lugo, candidatura gañadora entre 5 propostas

Pola súa banda, Vázquez Mao subliñou que a candidatura de Lugo gañou entre un total de 5 propostas, co apoio maioritario polos membros da comisión, “porque a Alcaldesa colocou aos Xogos como un elemento de dinamización e de valoración do interior, non só como unha actividade deportiva, senón como reivindicativa do interior e de cohesión do territorio”, tal e como avanzou o Secretario Xeral, quen agarda que os vindeiros xogos superen os preto 2.000 deportistas que concentrou na anterior edición, mantendo as sete modalidades tradicionais –fútbol, balonmán, baloncesto, voleibol, ximnasia rítmica, atletismo e atletismo adaptado e natación e natación adaptada-, coa posibilidade de incorporar algunha máis, dado a colaboración da Deputación de Lugo. Así deste xeito, o Concello de Lugo porá a disposición dos Xogos a Casa do Deporte, o polideportivo de Frigsa, os campos de fútbol Luis López Gorgoso, O Palomar, As Gándaras, O Polvorín e A Cheda, o Pavillón Municipal de Deportes, as pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera e as piscinas de Frigsa e As Pedreiras.

Pola súa banda, Ricardo Río felicitou a organización e o traballo conxunto de Lugo, Monforte e Sarria, “un espíritu de colaboración que queremos establecer de forma transversal en todas as zonas de accións do Eixo”.

En canto ao impacto dos Xogos, segundo estimacións do propio Secretario Xeral do Eixo, e tendo en conta as outras edicións deste evento deportivo, os Xogos deixarán uns 150.000 ou 200.000 euros en Lugo, principalmente no sector da hostelería. Neste senso, a rexedora puntualizou o magnífico escaparate que supón este evento, pois achegaranse á cidade durante os xogos uns 5.000 espectadores, “5.000 persoas que veñen e poderán repetir”.  

25 anos de vida do Eixo Atlántico

O Presidente do Eixo tamén avanzou que o vindeiro ano Lugo acollerá a Asamblea Xeral do Eixo Atlántico, no mes de febreiro; unha iniciativa enmarcada dentro da conmemoración dos 25 anos de vida do Eixo, que tamén engloba un congreso en Braga ou actividades en Coruña, “o que proxectará ao Eixo Atlántico e servirá para reforzar os lazos e o traballo conxunto entre as cidades que forman parten desta entidade”, que traballa en coalición para o desenvolvemento das infraestruturas, a promoción turística e a dinamización económica, cultural e deportiva das zonas que o integran.

Audio

Multimedia

  • A Alcaldesa avoga polos Xogos do Eixo Atlántico como elemento de promoción, de cohesión territorial e de dinamización do interior da Eurorrexión

Noticias relacionadas