As solicitudes poderán presentarse ata o martes15 de decembro, a través do formulario https://cutt.ly/MgDu31p
Poderá participar calquera persoa a partir de 16 anos, ben sexa de forma indiviudal ou colectiva

A Concellería de Benestar Social, que dirixe Olga López, xunto á Federación de Asociacións do ámbito social de Lugo (FADAS) abriron hoxe o prazo para inscribirse no concurso de graffiti, que convocan as dúas entidades, para a realización dun mural que visibilice o Lugo social.
“Un certame – segundo relatou a edil - que busca enxalzar o traballo realizado polas asociacións que forman o terceiro sector de acción social de Lugo, ao tempo que se fomenta a arte urbana e se sensibiliza á cidadanía sobre o labor do voluntariado que existe en ditos colectivos”.
Ola López indicou que as solicitudes poderán presentarse ata o 15 de decembro a través do formulario: https://cutt.ly/MgDu31p.
Cada persoa ou equipo debe entregar un bosquexo a cor, en formato pdf e jpg, a través do correo electrónico concursolugosocial.concellodelugo@gmail.com.
Na convocatoria poderá participar, de forma individual ou colectiva e de xeito gratuíto, calquera persoa a partir dos 16 anos.
Olga López Racamonde referiu tamén que un xurado preseleccionará 10 obras e dentro delas elixirá as 3 premiadas. A Concellería de Benestar Social agasallará con 1.000 euros ao gañador que ademais poderá materializar a súa obra nun muro dun edificio municipal ou espazo público. Para o segundo e terceiro galardoado os premios serán 500 € e 200 €, respectivamente.
Ao resto de traballos preseleccionados, FADAS concederalles un vale de compra para material por valor de 100 euros cada un.