A 1ª quenda de mozos participantes no programa Lucus Mundi, que ofrece prácticas laborais en Europa, parte en setembro

12 titulados en FP ou con certificado de profesionalidade traballarán durante tres meses en empresas de Italia, Irlanda e Austria, onde adquirirán experiencia para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral

As seguintes quendas de estudantes, ata completar as 45 prazas dispoñibles neste plan, beneficiaranse da iniciativa ao longo do vindeiro ano

Venres, 21 de agosto de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A primeira quenda de mozos participantes no proxecto Lucus Mundi, unha iniciativa impulsada polo Concello de Lugo con fondos da UE que ofrece prácticas laborais a estudantes lucenses en países europeos, partirá a mediados de setembro. Este primeiro grupo está formado por 12 titulados en Formación Profesional de grao medio ou con certificado de profesionalidade, que traballarán durante tres meses, ata decembro, en empresas de Italia, Irlanda e Austria, onde “terán a oportunidade de adquirir experiencia para mellorar as súas posibilidades de inserción laboral xa noso país”, explicou Ana Prieto, Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico.

As seguintes quendas de estudantes, ata completar as 45 prazas dispoñibles neste plan, enmarcado no Erasmus+, beneficiaranse da iniciativa ao longo do vindeiro ano.

Esta é a primeira vez que o Concello pon en marcha un proxecto europeo dirixido aos estudantes de FP de grao medio e con certificado de profesionalidade, pois ata o de agora foron os universitarios ou alumnos de FP de grao superior os beneficiarios, a través de distintas edicións do programa Lugoquálitas.

O Concello lidera este proxecto que se leva adiante a través dun consorcio do que forman parte tamén os IES Muralla Romana e Sanxillao, e a Escola de Arte Superior e Deseño Ramón Falcón. Tamén poden participar alumnos de cursos e obradoiros do Concello que conten co certificado de profesionalidade.

Noticias relacionadas