O Concello de Lugo participa na apertura das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero

O concelleiro Gustavo Díaz Rey abordou os riscos do acoso dixital e a importancia de evitar a difusión de contidos íntimos sen consentimento.

 
Mércores, 18 de novembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo participa na apertura das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero

O concelleiro de Política Social, Maiores e Migración, Gustavo Díaz Rey, participou hoxe na inauguración das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero, organizadas por Alar Galicia no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Lugo.

Baixo o título A violencia dixital, o encontro reúne a especialistas na prevención e atención ás vítimas para abordar os riscos asociados ao uso das novas tecnoloxías, desde o ciberacoso e as ameazas ata a difusión de imaxes íntimas sen consentimento e o control exercido a través das redes sociais.

Durante a súa intervención, Gustavo Díaz advertiu de que “o dano que se fai a través dunha pantalla non queda dentro da pantalla. Acompaña á persoa que o sofre cando vai traballar, cando chega á casa e mesmo cando intenta durmir”.

O concelleiro incidiu especialmente na necesidade de evitar a culpabilización das vítimas e na responsabilidade de quen contribúe a difundir contidos humillantes. “Non sempre podemos evitar que alguén faga algo mal, pero si podemos decidir non axudarlle a facer máis dano”, sinalou.

Díaz agradeceu a Alar Galicia e ao seu director, Fernando González Truque, a organización destas xornadas, que contan coa participación de profesionais do ámbito social, psicolóxico e institucional.

O programa inclúe mesas sobre o acoso e a violencia dixital, a violencia exercida a través das redes sociais e os recursos de atención e intervención, coa participación de representantes da Xunta de Galicia, a Garda Civil, Alar Galicia, Aliad-Ultreia e Cáritas, entre outras entidades.

O edil concluíu cunha mensaxe sobre a liberdade e a seguridade no ámbito dixital: “Non queremos que ninguén teña que apagar o seu teléfono para sentirse a salvo. Nin que unha muller teña que renunciar á súa liberdade para deixar de sufrir acoso”.

Multimedia

  • O Concello de Lugo participa na apertura das VI Xornadas de Prevención e Sensibilización da Violencia de Xénero

Noticias relacionadas