O Concello reorganiza os espazos da Casa do Concello para garantir o traballo dos grupos políticos e dar novos usos ás dependencias municipais

A redistribución permite habilitar un local accesible na planta baixa para campañas e actividades informativas, a última delas a prepulseirización do Caudal Fest, á que acudiron unhas 3.000 persoas

Venres, 18 de setembro de 2026
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello reorganiza os espazos da Casa do Concello para garantir o traballo dos grupos políticos e dar novos usos ás dependencias municipais
O Concello de Lugo explicou hoxe, en resposta a unha pregunta formulada polo PSOE na Comisión sobre a reorganización dos espazos da Casa do Concello, que a redistribución realizada permite garantir os espazos necesarios para os diferentes grupos políticos municipais e, ao mesmo tempo, dar novos usos a determinadas dependencias municipais.
 
A reorganización levouse a cabo de acordo co establecido no artigo 23.1 da Constitución, que indica que se debe garantir que todos os grupos políticos da Corporación dispoñan de espazos axeitados para desenvolver o seu traballo e exercer a súa actividade municipal.
 
Como resultado desta redistribución, o Goberno local habilitou un dos mellores locais da planta baixa da Casa do Concello, polas súas condicións de accesibilidade, para destinalo á celebración de campañas e actividades informativas abertas á cidadanía.
 
Este espazo xa acolleu a campaña Lugo Limpa, impulsada pola Concellería de Benestar Animal, na que se repartiron kits hixiénicos para as mascotas co obxectivo de fomentar o coidado e a limpeza dos espazos públicos.
 
A última actividade desenvolvida neste local foi a prepulseirización do Caudal Fest, celebrada esta mesma semana na Casa do Concello e que permitiu que unhas 3.000 persoas se achegasen para recoller e colocar anticipadamente a súa pulseira de acceso ao festival, facilitando así a entrada ao recinto e evitando esperas.
 
Deste xeito, a reorganización dos espazos municipais permite compatibilizar o normal funcionamento e o traballo dos grupos políticos coa utilización das dependencias da Casa do Concello para iniciativas de información, atención e servizo á cidadanía, aproveitando mellor os espazos públicos municipais e facéndoos máis útiles e accesibles para os lucenses.

Noticias relacionadas