A Praza de Abastos é un mercado de referencia, un motor de dinamización económica e un dos espazos que mellor identifica o modelo de cidade que queremos seguir construíndo
- Tema

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, participou hoxe xunto á conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e ás concelleiras de Mercado e Industrias, Silvia Colmenero, e a concelleira economía, participación e servizos á veciñanza, Mar Carballas, na campaña de sensibilización organizada con motivo do Día Internacional Libre de Bolsas de Plástico, desenvolvida na Praza de Abastos de Lugo.
Durante a visita repartíronse bolsas reutilizables entre a clientela para fomentar hábitos de consumo máis sostibles e reducir o uso de plásticos dun só uso.
Elena Candia destacou o papel da Praza de Abastos como un espazo estratéxico para a cidade "a Praza de Abastos é un mercado de referencia, un motor de dinamización económica e un dos espazos que mellor identifica o modelo de cidade que queremos seguir construíndo. A marca 'E para comer, Lugo' é hoxe un éxito porque detrás hai un produto excepcional, profesionais comprometidos e unha materia prima de primeira calidade que nos distingue."
A alcaldesa reafirmou o compromiso do Goberno municipal de seguir impulsando este espazo de referencia e incidiu na importancia da colaboración entre administracións para desenvolver iniciativas que beneficien tanto ao comercio de proximidade como á sustentabilidade.
"Imos seguir sendo unha administración colaboradora. Quero agradecer á Consellería de Medio Ambiente a súa implicación con Lugo e o seu apoio a iniciativas que, ademais de fomentar hábitos máis sostibles, contribúen a poñer en valor a nosa Praza de Abastos e aos profesionais que cada día lle dan vida."
A campaña busca concienciar a cidadanía sobre a necesidade de reducir o consumo de plásticos dun só uso e promover alternativas reutilizables, sumando a Lugo ao compromiso colectivo por un consumo máis responsable e respectuoso co medio ambiente.



