Elena Candia mantivo unha reunión de coordinación coa Secretaría Xeral de Política Social e o subdirector da Asociación Lucense de Ayuda a Enfermos Mentais para facer seguimento desta actuación prioritaria para Lugo

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo hoxe en Santiago de Compostela unha reunión de coordinación coa secretaria xeral de Política Social, María Francisca Gómez Santos, e co subdirector de ALUME, Aarón Argudo, para facer seguimento dun dos proxectos prioritarios do Goberno municipal: o futuro centro que a Asociación Lucense de Axuda a Enfermos Mentais habilitará na antiga sede de Aspnais.
No encontro confirmouse que a finais deste mes teremos xa o proxecto básico para pedir licenza do centro de Alume o que permitirá continuar coa tramitación dunha infraestrutura chamada a converterse un dos principais recursos de atención ás persoas con problemas de saúde mental da cidade.
Tamén se ratificou que o proxecto terá 25 prazas residenciais, unha vivenda, 40 prazas de centro de día, e 85 prazas de CRPL (Centro de Rehabilitación Psicosocial e laboral) , ampliando de maneira significativa os recursos especializados dos que disporá Lugo.
Durante a reunión tamén se confirmou a eliminación do muro exterior do recinto, unha actuación que permitirá integrar mellor o complexo na contorna, mellorar a súa accesibilidade e crear un espazo máis aberto e amable.
Elena Candia destacou que este é un dos proxectos que forma parte do compromiso do goberno municipal por construír un Lugo que poña ás persoas no centro das políticas públicas e suporá ampliar os recursos asistenciais e sociosanitarios da cidade.
A alcaldesa subliñou que o Concello continuará mantendo unha coordinación permanente coa Xunta de Galicia e coas entidades sociais implicadas para garantir que este proxecto continúe avanzando conforme aos prazos previstos e poidan materializarse o antes posible.

