Solicitude de axuda para material escolar no segundo ciclo de educación infantil, curso 2026-2027

Código: 
352
Presentación: 
Presencial
Descarga

Concesión de subvencións a familias con escasos recursos para a adquisición de material educativo (libros de texto, fichas, estoxos, mochilas, botella de auga e material de papelería), material educativo de xogo para nenos con determinadas dificultades, (se o solicita o centro escolar e/ou con informe xustificativo do colexio) para alumnado de segundo ciclo de educación infantil, matriculado en centros sostidos con fondos públicos do municipio de Lugo. Non se admitirá vestiario, xoguetes, paraugas nin outros obxectos de uso alleo á actividade escolar.

PRAZO DE SOLICITUDE: 1 a 19 de xuño de 2026

REQUISITOS DAS PERSOAS BENEFICIARIAS

As axudas concederanse ás familias do alumnado que reúna os seguintes requisitos:

  1. A renda familiar non poderá superar en máis de 0,85 veces o valor do Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples para 2026, (IPREM),  é dicir 7.140,00€ por cada membro da unidade familiar.
  2. Tanto a persoa solicitante como o menor para o que se solicita a axuda deberán estar empadroados no Concello de Lugo. Esta situación comprobarase automaticamente a través dos datos obrantes no Padrón de habitantes desta administración. 
  3. Ter presentada a solicitude de reserva de praza ou solicitude de admisión para un posto escolar no segundo ciclo de educación infantil nun centro sostido con fondos públicos no municipio de Lugo.
  4. A persoa solicitante e o seu cónxuxe deberán estar en posesión de DNI ou NIE no momento de finalización do prazo de presentación de solicitudes. Non poderán participar neste procedemento as persoas que só dispoñan de pasaporte no momento de presentación da solicitude de axuda.
  5. Non ter solicitadas nin recibidas subvencións ou axudas doutras administracións públicas, entidades públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras para a mesma finalidade e para os/as mesmos/as beneficiarios/as. 

CRITERIOS DE ADXUDICACIÓN

1. Obterán a axuda directamente sen necesidade de valoración:

  • As/os menores en réxime de acollemento e tutela, debidamente acreditado mediante Certificado da Xunta de Galicia.
  • Calquera outra situación excepcional que impida a valoración da renda, acreditada polos  servizos sociais da Xunta de Galicia ou do Concello de Lugo.

2. Para o resto das solicitudes o único criterio de valoración será a contía da renda percápita anual familiar del último ejercicio fiscal referida ao Indicador Público de Renta de Efectos Múltiples, IPREM, que para ano 2026 ten un valor de 8.400,00 euros (14 pagas). A renda familiar non poderá superar do 0,85 veces o IPREM, é dicir de 7.140,00 euros por cada membro da unidade familiar.

  • O procedemento de adxudicación da subvención comezará polas familias de menor renda en orde crecente ata o esgotamento das 400 axudas.
  • Se ao chegar ao último beneficiario de axuda se producise un empate entre dúas familias resolverase por sorteo.
  • Os nenos e nenas para os que se solicita a axuda con certificado de discapacidade igual ou maior ao 33% computarán por dous na unidade familiar para o cálculo da renda familiar.

DOCUMENTACIÓN QUE DEBERÁ ACHEGAR CON ESTA SOLICITUDE E INFORMACIÓN DE AXUDA

Para formalizar a solicitude a persoa interesada presentará a seguinte documentación:

  • a) Solicitude en Modelo 352 debidamente asinada.
  • b) Fotocopia do DNI/NIE dos dous proxenitores ou persoas que representen legalmente á nena ou neno.
  • c) Fotocopia do Libro de familia e/ou Certificado de nacemento de todos os menores que forman parte da unidade familiar. Non se considerará documento válido para a acreditación do nacemento pasaporte ou permiso de residencia dos menores se non identifica aos seus proxenitores.
  • d) De ser o caso, copia da resolución xudicial (convenios reguladores ou sentenzas xudiciais) ou administrativa (certificados de acollemento) pola que se lle confía a garda e protección do/s menor/es á persoa solicitante.
  • e) ANEXO I: Declaracións responsables e autorización para que o Concello de Lugo obteña datos relativos a unidade familiar. Este Anexo I deberá estar asinado por:
  • Ambos proxenitores en caso de que non exista separación.
  • Polo proxenitor solicitante que constitua familia monoparental ou teña atribuída a custodia exclusiva do menor por sentenza xudicial ou convenio regulador
  • Por ambos proxenitores en caso de separación con convenio regulador no que se acorde un réxime de custodia compartida.
  • No caso de que un dos proxenitores non resida en España, terase que presentar poder ou documento xudicial que acredite que o outro proxenitor pode resolver cuestións relativas ao menor de xeito individual.

A sinatura do Anexo I implicará as seguintes declaracións responsables:

  • Declaración responsable de non ter solicitadas nin recibidas subvencións ou axudas doutras administracións públicas, entidades públicas ou privadas, nacionais ou estranxeiras para a mesma finalidade e para os/as mesmos/as beneficiarios/as.
  • Declaración responsable de estar ao corrente das obrigas tributarias, coa Seguridade Social e co Concello de Lugo, así como no cumprimento dos requisitos esixibles para obter a condición de persoa beneficiaria, compromiso de manter esta situación durante todo o tempo da tramitación do expediente e do dereito á cobranza, e a súa acreditación ante o Concello cando sexa requirido, quedando obrigado a comunicar calquera variación desta situación.
  • Declaración responsable de non estar incurso/a en prohibición para obter a condición de beneficiario/a da subvención conforme o establecido no artigo 13.7 da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións.

INFORMACIÓN

Aos efectos desta convocatoria, os membros da unidade familiar serán computados de acordo coa Lei 35/2006 da renda das persoas físicas.

No caso de presentar a solicitude en versión dixital, o Anexo I deberá estar asinado igualmente por ambos proxenitores.

Todas as listas, provisionais e definitivas; así como os requerimentos de subsanación publicaránse no taboleiro dixital do Concello: https://www.lugo.gal/portal/tablonanuncios

IMPORTANTE

As sucesivas publicacións deste procedemento, requirimentos de documentación, resolucións de listaxes provisionais ou definitivas faranse a través do Taboleiro de Anuncios do Concello de Lugo (https://www.lugo.gal/portal/tablonanuncios) e do taboleiro de anuncios do Servizo de Educación, sito na 3ª planta do Centro Sociocultural Uxío Novoneyra, e producirán os mesmos efectos que a notificación individual a cada persoa solicitante.  

É preciso que as persoas solicitantes consulten as sucesivas publicacións que se vaian realizando neste procedemento.

Sairán publicadas 3 listaxes :

  • Listaxe de solicitudes admitidas no procedemento, admitidas con falla de documentación que non impide a baremación e excluídas provisionalmente, (por falla de documentación que impide a baremación ou por incrumprimento das bases da convocatoria). Esta resolución abrirá un prazo de dez días para subsanación e mellora da solicitude.
  • Listaxe provisional de adxudicación das axudas. Esta resolución abrirá un prazo de dez días para reclamacións.
  • Listaxe definitiva de adxudicación das axudas. Esta resolución  establecerá o prazo de recollida de vales nas oficinas do Servizo de Educación do Concello de Lugo, previsiblemente no mes de setembro.

Directorio