A Xunta de Voceiros acorda, a proposta da Alcaldesa, unha declaración institucional que reivindica un novo xulgado do social

O documento consensuado insta ao Ministerio de Xustiza a que escoite a reclamación unánime e xusta da cidadanía e dos colectivos e axentes xudiciais

Luns, 25 de febreiro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Os voceiros municipais acordaron na xuntanza celebrada este luns, a proposta da Alcaldesa, Lara Méndez, aprobar de maneira unánime no Pleno do vindeiro xoves unha declaración institucional na que a Corporación insta ao Ministerio de Xustiza a que escoite a reclamación unánime e xusta da cidadanía e dos colectivos e axentes xudiciais, e a que revoque a denegación do tan necesario e prioritario cuarto Xulgado do Social para Lugo.

Tal e como lembrou a Alcaldesa, todos os datos obxectivos avalan a creación dunha nova sala do social en beneficio da cidadanía xa que cada un dos Xulgados actuais recibe unha media de 1.150 asuntos anuais, o que significa unha sobrecarga de traballo superior ao 145%, situación que afecta a máis de 4.000 lucenses. Así o entendeu tamén a Comisión Mixta de Xustiza de Galicia, que presentou esta petición como prioritaria ante o Ministerio de Xustiza.

Méndez recalcou que son nestes órganos onde se resolven cuestións de primeira necesidade, como pensións de fundamental subsistencia ou outras que requiren que se afronten coa maior rapidez posible, como reclamacións de salarios, indemnizacións, EREs ou vulneracións de dereitos fundamentais.

Noticias relacionadas