A Xunta anulou o trámite imprescindible para dotar á Residencia dos servizos non sanitarios que lle prometeu aos lucenses

A Alcaldesa desvela que o Goberno galego aprobou o día 31 de maio –en pleno debate da moción de censura que perdeu Rajoy- deixar sen efecto os acordos que adoptara previamente para a retrocesión ao Estado do Vello Xeral, algo que resulta imprescindible para ampliar os usos do complexo

Sen este paso, non pode construír alí a oficina de emprego, a planta de biomasa e o centro de emprendemento aeronáutico aos que se comprometeu con Lugo hai máis dun ano Feijóo, nin sería posible tampouco a comisaría que anunciou numerosas veces o PP

Lara Méndez esixe explicacións á Xunta: “Espero que despois de 7 anos de atraso en plantexar un plan para revitalizar o barrio non siga con mentiras e desprezos a Lugo”

Mentres tanto, o Goberno local seguirá traballando “coa maior axilidade posible na parte que lle compete do plan da Residencia”. O convenio de colaboración coa Xunta está para firmar e o proxecto do centro de saúde está sendo avaliado polos técnicos municipais para a concesión da licenza de obra canto antes

Xoves, 13 de setembro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Xunta anulou o trámite imprescindible para dotar á Residencia dos servizos non sanitarios que lle prometeu aos lucenses

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada polo voceiro municipal, Miguel Fernández, e o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, desvelou este xoves que a Xunta do PP anulou o pasado día 31 de maio –en pleno debate da moción de censura que perdeu Rajoy- o trámite imprescindible para poder crear no barrio da Residencia os servizos non sanitarios aos que se comprometeu cos lucenses no marco do plan integral que presentou hai máis dun ano para a revitalización da zona.

O Consello da Xunta aprobou nesa data deixar sen efecto os dous acordos que adoptara previamente para a retrocesión ao Estado de dous edificios do Vello Xeral, algo que resulta imprescindible para ampliar os usos do complexo, xa que estes só poden ser sanitarios, segundo establece un Real Decreto do ano 90 a través do que o Estado lle cede á comunidade autónoma o complexo.  

Sen este paso, o Goberno galego non pode construír alí a oficina de emprego, a planta de biomasa e o centro de emprendemento aeronáutico, nin tampouco sería posible a comisaría de Policía que anunciou numerosas veces o PP.

O Executivo de Lara Méndez xa trasladou esta “moi preocupante información” aos grupos políticos da oposición durante a Mesa de Traballo creada no Concello sobre o barrio que se celebrou esta mesma mañá e transmitiralla de primeira man aos veciños e veciñas da Residencia na xuntanza que manterá con eles esta tarde, no marco da campaña de reunións veciñais que está celebrando en todos os barrios.

“Trátase dunha mala noticia, que pon de manifesto como mínimo unha falta de dilixencia e interese por parte da Xunta do PP por acometer o proxecto tal e como nolo presentaron hai un ano e tres meses, cando non, de novo e lamentablemente, as mentiras e o absoluto desprezo do Partido Popular aos veciños e veciñas da Residencia, e polo tanto, a todos os lucenses”, subliñou a Alcaldesa.

O Goberno tivo coñecemento da situación grazas ao interese da Subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, pola evolución do proxecto do barrio da Residencia á súa chegada ao posto.

Os feitos, avalados coa documentación oficial –ADXUNTA--, son os seguintes:

- 19-07-2017: Coincidindo coa presentación pública do plan integral que denominaron A Nova Residencia, o Presidente da Xunta e a entón Ministra de Emprego e Seguridade Social, Fátima Báñez, firmaron un protocolo para a reasignación de usos do complexo do Vello Xeral, no que se establecía que a Xunta debería tramitar para elo un expediente de retrocesión patrimonial a favor da Tesourería Xeral da Seguridade Social (TXSS) do edificio do pavillón xeral e fixaba un mes como prazo máximo para efectuar a devandita tramitación.

Este protocolo marca unha premisa errónea. Di que na normativa urbanística a parcela do complexo do Vello Xeral está cualificada como Equipamento Comunitario, con uso específico sanitario. Pero non é así, no PXOM vixente o uso específico da parcela é Equipamento Comunitario, que permite todas as clases de dotacións públicas. O que restrinxe a sanitarios os usos desta parcela é un Real Decreto do ano 1990 a través do que o Estado lle cede á Xunta o Hospital Xeral.

- 25-01-2018: Pese a que o protocolo establecía un prazo máximo dun mes para efectuar a retrocesión, a Xunta tardou seis en adoptar o primeiro acordo ao respecto. En concreto, aproba no Consello da Xunta do 25 de xaneiro deste ano autorizar a retrocesión á TXSS do pavillón xeral. Neste senso, a Alcaldesa apuntou que, mentres o PP esixe ao Concello celeridade no convenio de colaboración e nas licencias, “a Xunta tardou máis de medio ano en dar o primeiro paso para materializar un protocolo que eles mesmos asinaron”.

- 8-03-2018: O Consello da Xunta acorda autorizar a retrocesión do edificio da Escola de Enfermería.

- 31-05-2018: “Ata aquí, tarde, mal e arrastro, pero a Xunta avanzou. A sorpresa e desconcerto vén cando coñecemos que o Consello da Xunta acorda deixar sen efecto os dous acordos de retrocesión anteriores”, recalcou Lara Méndez.

Explicacións

“O motivo? Non o sabemos. O que si sabemos é que, sen este trámite, sen esta ampliación dos usos do complexo do Xeral, a Xunta non pode acometer as partes do proxecto da Residencia de uso non sanitario, é dicir, non pode facer nin a oficina de emprego, nin a planta de distribución de enerxía de biomasa, nin o centro de emprendemento aeronáutico, nin tampouco sería posible a comisaría que comprometeu alí o PP”, argumentou a rexedora. “E non porque o diga o Concello, senón porque así o determina o Real Decreto  1679/1990 a través do que o Estado lle cede á Xunta o Vello Xeral, segundo o que os fines do complexo só poden ser sanitarios”.

Neste punto, xorden moitas preguntas, afirmou a Alcaldesa: “Mentiu a Xunta do PP aos lucenses dende o principio? É fume todo o que prometeu? Renunciou ao proxecto tal e como o presentou hai un ano? Por que incumpren os seus propios acordos? Esta marcha atrás forma parte dunha estratexia para tratar de dilatar o plan?”

Ante esta incerteza, Lara Méndez retou ao Goberno da Xunta “a que explique aos veciños e veciñas da Residencia e a todos os lucenses que está pasando con este proxecto. Négome a crer que o seu desprezo a Lugo poida chegar a semellante extremo: Que despois de 7 anos de atraso en plantexar un plan para revitalizar o barrio siga con mentiras e desprezos a Lugo”. En calquera caso, engadiu, os antecedentes do PP metendo proxectos no caixón non son alentadores. Lembremos a Estación Intermodal, da que anularon con nocturnidade e alevosía o proxecto, xa adxudicado, o cuartel de San Fernando, Hemodinámica 24 horas, A Tinería o Plan  Paradai...”

O Goberno local segue adiante

Mentres o Goberno local espera as explicacións da Xunta, a rexedora garantiu que segue traballando “coa maior axilidade posible na parte que lle compete” do proxecto da Residencia. De feito, o convenio de colaboración coa Xunta está para firmar e os técnicos municipais están a avaliar o proxecto do centro integral de saúde para conceder a licenza canto antes. “Nós si cumprimos e estamos do lado dos veciños”, subliñou a Alcaldesa. --ADXÚNTANSE CRONOLOXÍA DA TRAMITACIÓN MUNICIPAL CON RESPECTO AO CONVENIO DE COLABORACIÓN COA XUNTA, E AO ESTUDO DE DETALLE E A LICENZA DE OBRA DO CENTRO INTEGRAL DE SAÚDE--

Documentos

  • Protocolo Residencia Xunta Ministerio | Descargar pdf
  • Certificación acordo Consello da Xunta 25 de xaneiro | Descargar pdf
  • Certificación acordo Consello da Xunta 8 de marzo | Descargar pdf
  • Certificación acordo Consello da Xunta 31 de maio | Descargar pdf
  •  Cronoloxía da tramitación municipal con respecto ao plan integral da residencia | Descargar pdf

Audios

  • Lara Méndez, sobre á Residencia dos servizos non sanitarios (explicacións) | Descargar mp3
  • Lara Méndez, sobre á Residencia dos servizos non sanitarios | Descargar mp3

Multimedia

  • A Xunta anulou o trámite imprescindible para dotar á Residencia dos servizos non sanitarios que lle prometeu aos lucenses
  • A Xunta anulou o trámite imprescindible para dotar á Residencia dos servizos non sanitarios que lle prometeu aos lucenses

Noticias relacionadas