Un maratón de curtas, hip hop e performances, novidades dun Lugo Cultural que rescata Entre lusco e fusco e Xoves de moda

Ana Prieto, Carme Silva e Xosé Ferreiro presentaron este venres a programación cultural de 2016, que mantén ciclos de música de cámara, galega e contemporánea, teatro, danza, fotografía e debate

Venres, 15 de xaneiro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Un maratón de curtas, hip hop e performances, novidades dun Lugo Cultural que rescata Entre lusco e fusco e Xoves de moda

O concerto do acordeonista Nicola Tanaskovic, incluído no ciclo Músicas a carón da Mosqueira, abrirá o mércores 20 de xaneiro no auditorio da Casa do Saber de Lugo a programación de actividades organizadas ao abeiro do convenio Lugo Cultural para o ano 2016, unha oferta que inclúe un amplo abano de actividades que prestan especial atención a manifestacións artísticas como a música, clásica, galega e contemporánea, fotografía, cinema, performances, teatro, danza, ademais de reservar un espazo para o coñecemento e o debate.

Camiño xa de cumprir o seu primeiro cuarto de século o convenio Lugo Cultural, un acordo de colaboración institucional que na actualidade se mantén como un referente da oferta cultural da capital amurallada grazas ás achegas financeiras que recibe do Concello, Deputación e USC, mantén para 2016 unha programación estable e de calidade. Nesta edición está previsto incorporar manifestacións artísticas e temáticas novas, tales como a organización dun maratón de curtas de cinema, performances na rúa,  ciclos de hip hop e/ou regueifas para conxugar música e letras, ou un concerto colectivo aberto á participación de todas as das escolas de música de Lugo na  Praza de Santa María no mes de xuño.

A recuperación de ciclos como Entre lusco e fusco, con concertos ao aire libre no Parque Rosalía de Castro e na valgada do campus de Lugo orientados á posta en valor destes espazos naturais, e Os xoves de moda, foros no que poder achegar diferentes experiencias dentro das artes, a través de encontros con directores de cine, actores, deseñadores, bailaríns… son outras das novidades a salientar do Lugo Cultural de 2016.

A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, a vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Carme Silva, e o Deputado de Cultura, Xosé Ferreiro, presentaron este venres un adianto da programación deseñada ao abeiro da vixésima segunda edición do convenio Lugo Cultural.

Do mesmo xeito que en anos anteriores, o Lugo Cultural contempla este ano a celebración de diversos concertos de música de cámara  incluídos no ciclo Músicas a carón da Mosqueira, que impulsa a novos creadores e intérpretes dentro da música clásica. O achegamento a este xénero a través da celebración de concertos nocturnos e a elaboración dunha listaxe de alumnos/as de música que estean estudando ou facendo a súa profesionalización fóra de Galicia para concretar un encontro de experiencias entre eles e que teñan a oportunidade de tocar en Lugo son dúas das iniciativas na que se prevé afondar este ano.

O ciclo Lubicán, que intenta potenciar a presentación dos novos traballos da música galega, mantén a sua puxanza na programación do Lugo Cultural de 2016, que recuperará ao abeiro deste ciclo e a xeito de complemento os chamados Xoves de moda. O Lubicán 2016 tamén levará á Praza de Santa María algún dos seus concertos, do mesmo xeito que Entre lusco e fusco traballará a prol da recuperación de espazos naturais abertos ao levar a música ao parque Rosalía de Castro e mesmo ao anfiteatro do campus.

Nun plano musical diferenciado ao do Lubicán atópase o programa Sons Creativos, un espazo de creación musical que aposta pola música contemporánea e de vangarda e pola súa difusión. Este programa, organizado polo Grupo de Creación Sonora da USC (GCSUS) baixo a dirección de Inmaculada Cárdenas, chegará en 2016 á súa oitava edición.

Teatro, danza, fotografía e debate

O Festival de Teatro Universitario de Lugo, que este ano acada a súa vixésima segunda edición, é outra das citas culturais xa consolidadas na capital luguesa, que terá a comezos da primavera unha nova entrega de representacións teatrais universitarias de calidade, ademais da presentación de novos proxectos e pequenas creacións, a cargo dos estudantes de distintas escolas.

Tamén na primavera acadará especial relevancia a danza coa celebración do XIV Encontro Universitario de Danza Contemporánea, un espazo de residencia e de traballo no marco do que distintas compañías universitarias de danza, internacionais e galegas, presentarán as súas respectivas propostas coreográficas ao público. Tamén en primavera está prevista a celebración dunha nova edición do Curso de Primavera da USC, un foro de análise e debate que atopa o seu escenario e os seus promotores na Facultade de Humanidades, cuxa temática xirará este ano arredor da figura e da obra do lugués Celestino Fernández de la Vega.

O Maratón Fotográfico do campus de Lugo, que na súa próxima edición incluirá unha sección de curtas en aras a fomentar a creatividade, é outra das citas consolidadas na programación cultural da capital luguesa, na que e ao longo deste ano se abrirán diferentes performances en diversos espazos ao abeiro do Lugo Cultural no marco do ciclo Performartivo.

Noticias relacionadas