A actuación, convocada por Xuventude e a cargo da escola de baile Gravitty, comezará ás 18.30 na Praza do Ferrol para facer un percorrido, con paradas cada 15 minutos, en San Marcos, Campo Castelo, Praza Maior e Praza da Soidade.

O concelleiro de Xuventude, Jorge Bustos, presentou esta mañá o Flashmob de Samaín, a cargo da escola de baile Gravitty Human in Motion, quen leva o peso desta iniciativa, na que tomarán parte uns vinte bailaríns e bailarinas da academia lucense de danza urbana. A actuación, que se suma ao resto do programa de actos organizados polo Concello de Lugo, será este sábado, día
1, ás 18.30 horas, na Praza do Ferrol, para continuar cun percorrido con paradas cada 15 minutos na Praza San Marcos, Campo Castelo, Praza Maior, fondo desta mesma praza e rematar na Praza da Soidade, ás 19.45 fronte ao Museo Provincial de Lugo.
O edil Jorge Bustos agradeceu a implicación da escola de baile Gravitty Human in Motion para tomar parte nesta iniciativa artística, que estará protagonizada por Miércoles Adams e os Cazafantasmas. Ademais, durante todos estes días, os afeccionados ao Samaín poden visitar a Casa da Xuventude, que desde hoxe presenta unha decoración acorde á noite máis máxica e terrorífica do outono.


