Últimos días para solicitar as subvencións do Concello para a promoción da igualdade e a favor dos dereitos LGTBI+

Martes, 02 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa

Últimos días para solicitar as subvencións do Concello para a promoción da igualdade e a favor dos dereitos LGTBI+ . O Goberno de Lara Méndez puxo en marcha estas axudas por un importe total de 32.100 euros, impulsadas dende a Concellería de Muller e Igualdade que dirixe Silvia Alonso.

Segundo informou a rexedora de Lugo, estas axudas “están dirixidas a asociacións e persoas xurídico-privadas sen ánimo de lucro que desenvolven a súa actividade no eido da promoción da igualdade de xénero a través do deporte feminino, o ocio e as actividades culturais que potencian a integración da muller, ou na promoción, a orientación, o asesoramento e a formación sobre dereitos humanos en materia LGTBI+ e sobre diversidade sexual e de xénero no exercicio 2022”.

O prazo para presentar solicitudes permanecerá aberto ata este xoves, 4 de agosto, logo de que as bases foran publicadas no BOP o 13 de xullo. Existen dúas liñas de subvención:

  • a) Para a promoción da igualdade de xénero, o fomento do deporte feminino, ocio e actividades culturais que fomenten a integración da muller.
  • b) Para a promoción de proxectos en favor de colectivos afectivo-sexuais (orientación, asesoramento e formación sobre dereitos humanos en materia LGTBIQ+ e sobre diversidade sexual e de xénero).

Só se recibirá subvención para unha única liña de subvención de xeito que de solicitarse para as dúas o órgano municipal competente decidirá cal é a liña que recibirá, se é o caso, subvención.

Noticias relacionadas