Tras estimar a excedencia do director da Banda de Música, o executivo de Lara Méndez chamará ao segundo do proceso selectivo

David Fiuza tomara posesión do seu cargo o pasado xullo, “tempo no que desenvolveu un corto pero intenso e excelente traballo”, destacou a alcaldesa lucense.

Martes, 12 de outubro de 2021
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Tras estimar a excedencia do director da Banda de Música, o  executivo de Lara Méndez chamará ao segundo do proceso selectivo

O executivo de Lara Méndez estimará a excedencia por prestación de servizos solicitada polo director da Banda Municipal de Música de Lugo, David Fiuza, tras obter este a praza de Director da Banda de Música Municipal de Santiago, que pasará a ocupar este mes cun contrato de alta dirección durante dous anos.

O director tomara posesión do seu cargo en Lugo o pasado mes de xullo, “tempo no que desenvolveu un corto pero intenso e excelente traballo tanto na Banda como na Escola de Música”, destacou a alcaldesa Lara Méndez, que lembrou que “a excedencia é un dereito que ten como traballador”.

O músico de Vila de Cruces obtivo a praza lucense tras participar no proceso selectivo convocado pola área de Recursos Humanos, unha oposición de acceso libre na que se esixía como requisito imprescindible a titulación superior de Música ou equivalente na especialidade de dirección de Orquestra, expedido polo Conservatorio Oficial de Música. 

A gran profesionalidade de David Fiuza queda de manifesto, ademais de por superar o proceso selectivo de Lugo e Santiago, este último dunha duración de dous anos en servizos especiais, en que tamén foi reclamado polo Concello de A Coruña, previo acordo con el, para a súa incorporación á Banda Municipal da cidade herculina en comisión de servizos, denegándose esta comisión, tamén por dous anos, ante o informe desfavorable emitido polo servizo de Cultura.

A área de Gobernanza, dependente da tenente de alcaldesa, Paula Alvarellos, procederá agora a chamar á segunda das persoas que aprobou o proceso selectivo de director da Banda de Música Lugo para cubrir este posto en comisión de servizos ata a volta de Fiuza.

O Goberno de Lara Méndez puxo en valor os pasos dados dende Gobernanza para consolidar tanto o futuro da Banda como o da Escola de Música, co fin de ofrecer así unha estabilidade aos propios traballadores - que actualmente xa teñen regularizada a súa situación laboral – “o que reverterá alén no futuro deste centro que tantas satisfaccións e tan bo servizo leva dado dende o ano 2012 cando se puxo en marcha”, sostivo a rexedora lucense.

Noticias relacionadas