A transformación da E-Administración chega aos profesionais, que desde o luns poderán entregar os expedientes en formato electrónico

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, avanza que en outubro porase en marcha a Sede Electrónica, que permitirá a tramitación desde o ordenador e seguir a trazabilidade dos expedientes

A Administración Electrónica suporá una revolución na administración local, tanto a nivel interno como nas relacións coa veciñanza, moito máis próxima e eficiente

O aforro coa E-Adminnistración calcúlase en 1,6 millóns de euros nun ano, aforro que se verá incrementado a longo prazo, chegando ata 8 millóns de euros en 5 anos

Xoves, 12 de setembro de 2019
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A transformación da E-Administración chega aos profesionais, que desde o luns poderán entregar os expedientes en formato electrónico

O Concello de Lugo da un novo paso na Administración Electrónica abrindo a plataforma dixital ao profesionais de xeito que, desde o luns, poderán  entregar os seus expedientes en formato electrónico. Anunciouno a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, quen avanzou que este novo paso vai a beneficiar especialmente aos profesionais que se relacionan coas áreas máis técnicas do Concello, como Urbanismo, Licenzas, Arquitectura, Patrimonio ou Enxeñarías.

Méndez estivo acompañada pola concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, e polo responsable de Urbanismo Sostible, Miguel Couto, coordinadores da implantación da E-Administración da man dos funcionarios no marco dunha comisión creada a tal efecto.

A rexedora lembrou que o Goberno local está a traballar desde o anterior mandato na gran transformación da Administración de Lugo, case revolucionaria xa que a documentación se moverá só a través de formato electrónico, “deixando pouco a pouco o uso do papel no pasado, o que se traducirá, tanto para a administración como para o cidadán nun aforro económico importante pero tamén nunha mellora medioambiental, moi acorde co modelo de cidade sostible e loitadora contra o cambio climático pola que estamos apostando”, incidiu. 

A plataforma da E-Administración, unha plataforma integrada que permitirá que todos os departamentos da administración local traballen de xeito interconectado co fin de que podamos axilizar todos os procesos de tramitación de solicitudes da cidadanía e das empresas. Pero, especialmente, suporá unha transformación imprescindible para achegar a administración aos veciños e veciñas, é dicir, unha administración moito máis próxima gracias as novas tecnoloxías coa que modernizamos a atención ao público.

Tras máis dun ano de traballo intenso do Goberno, dos funcionarios e da UTE adxudicataria do Smart City,  formada por Indra, Altia e R, analizando todos os procesos de traballo de cada departamento e de cada área, o Concello de Lugo comezou este ano a implantación.  ”Durante este verano estivemos a darlle un importante impulso, e hoxe podemos dicir xa que a plataforma da Administración Electrónica, como fomos informando, xa está implantada e funcionado en todos os departamentos municipais a nivel interno”, comentou Lara Méndez.

A nivel externo, os primeiros en manexarse segundo os parámetros desta nova Administración foron os cidadáns que recorren a servizos especialmente demandados, como son as áreas de rexistro e as relacionadas coa policía, cemiterios, tarxeta cidadán e estatística. Desde a súa posta en marcha este verán, na área de Rexistro se desenvolveron preto de 11.000 rexistros, só de entrada.

Agora, dase un paso máis e desde este luns “acabáronse para os profesionais a entrega en papel, en moitos casos de expedientes con centos de páxinas”, comentou a alcaldesa.

De momento, deberán vir ata as instalacións municipais para entregar os documentos en formato electrónico, pero nun prazo aproximado nun mes, a mediados de outubro, porase en marcha a Sede Electrónica de xeito que poderán enviala directamente  desde os seus ordenadores e iniciar así a tramitación administrativa con moita máis comodidade, axilidade e eficiencia.  A sede electrónica permitirá tamén que profesionais e particulares sigan en todo o momento a trazabilidade dos seus expedientes, o que optimizará a transparencia da administración coa cidadanía ao tempo que permitirá unha maior confianza en todo o proceso.

Mentres non se pon en marcha a Sede Electrónica, abrirase un período de convivencia dos dous sistemas, a entrega de papel e o formato electrónico.

Aforro de custes

Todo este proceso, xunto co resto de iniciativas postas en marcha na estratexia Smart City, de Cidade Intelixente, impulsada por Lara Méndez, para a que conseguiu 4 millóns de euros do Ministerio de Enerxía e Turismo, vai aparellado, cun aforro de custes moi importante. Este aforro na Administración e para a cidadanía cífrase en 1,6 millóns de euros nun ano, “aforro que se verá incrementado a longo prazo, chegando ata 8 millóns de euros en 5 anos, é dicir, o dobre do invertido”, sostivo Lara Méndez.

Agradecemento aos funcionarios

Tanto a rexedora comos os concelleiros agradeceron aos funcionarios a súa implicación nesta transformación cara a unha E-transformación, “moi complexa, e na que estamos nunha continua formación e capacitación”, comentou Miguel Couto.

Audio

  • A alcaldesa, Lara Méndez, sobre a transformación da E-Administración | Descargar mp3
  • A concelleira de Gobernanza, Paula Alvarellos, sobre a transformación da E-Administración  | Descargar mp3

Noticias relacionadas