Todo sobre David Bowie no Museo Interactivo da Historia de Lugo

Lara Méndez inaugurou unha mostra sobre o artista británico, que se poderá visitar ata o 26 de abril, de martes a sábado, de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde

Martes, 27 de febreiro de 2018
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Todo sobre David Bowie no Museo Interactivo da Historia de Lugo

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do Voceiro Municipal, Miguel Fernández, e a Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, inaugurou este martes unha exposición sobre David Bowie, a nova mostra que acolle o Museo Interactivo da Histoira de Lugo (MIHL).

Trátase dunha exposición composta pola colección de Carlos Luxor, que atesourou ao longo dos anos vinilos, películas, libros e multitude de obxectos sobre este artista británico. En total son máis de 1.000 pezas sobre o artista coñecido como Duque Blanco.

No acto de inauguración, Méndez agradeceulle ao gran coleccionista Luxor a oportunidade que nos ofrece con esta mostra de repasar a vida de Bowie a través da súa obra, tanto cadros, pósters, libros, revistas, como películas, álbumes ou incluso merchandaising. Así mesmo, a Alcaldesa agradeceu o interese por expoñer en Lugo esta mostra itinerante, que foi capaz de espertar o interese de 100.000 visitas en Barcelona, e de facelo no MIHL, que aúna historia con vangardismo.

Entre os máis de 500 elepés e singles que integran a exposición, atópase a edición española de Space Odity, unha das pezas máis valiosas e buscadas da colección xunto ao libro do fotógrafo Mick Rook, The Rise of David Bowie 1972-1973. Está asinado por ambos artistas e é o número 1775 de 1972 exemplares. Pero ademais da extensa discografía, Carlos Luxor, quen estivo tamén presente no acto de inauguración, suma unha trintena de películas, vídeos musicais e libros que fan referencia a este artista. Algún raros, como é o caso da cinta Soldier, na que sae dous segundo e nin tan sequera o seu nome aparece nos créditos. As últimas pezas que adquiriu son dous moldes de xeso co rostro de Bowie, no Victoria and Albert Museum de Londres. Tamén conseguiu selos da Royal Mail.

Sobre Carlos Luxor

Carlos Luxor formou parte de distintos grupos leoneses que xurdiron nos anos 80, como Berlín Interior e Os Positivos, co que continúa despois de trinta anos. Tamén foi membro de Metálicos, xunto a Luís Miguélez e Juan Tormento. Tamén colaborou con outras bandas nacionais como Alaska e Fangoria e actuou con Pedro Almodóvar, Fabio McNamara e Bernardo Bonezzi.

Ata os anos 90 o seu traballo centrábase na música, pero como resultado da súa amizade co falecido Tino Casal e o pintor Antonio Villatoro, comezou a combinalo coa pintura. A súa primeira exposición en 1994 foi no Palacio de Gaviria de Madrid.

Horario da exposición

David Bowie poderase visitar ata o 26 de abril, de martes a sábado, de 11:00 a 13:30 horas e de 17:00 a 19:30 horas, e os domingos, de 17:00 a 20:00 horas. A entrada é de balde.

Noticias relacionadas