A primeira plataforma dixital centrada na exportación de alimentos e bebidas a China aséntase na capital da man do Lugo Transforma

A alcaldesa, impulsora da estratexia de recuperación económica do municipio, anunciou que Monkey Markets recibirá 50.000 € con posibilidade de dobrar o investimento se acada certos fitos.

A startup galega destinará os fondos a desenvolvemento de produto, marketing e contratación de persoal, multiplicando por dez o cadro de traballadores/as en 4 anos.

A empresa foi a primeira do país en incorporarse, en 2021, á exclusiva lista de plataformas da ONU que destacan polo uso innovador dos datos.

Méndez subliñou o carácter innovador da proxecto, “o que afianza o atractivo do fondo de capital risco para as compañías que se atopan á vangarda dos seus sectores”.

Xoves, 14 de decembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A primeira plataforma dixital centrada na exportación de alimentos e bebidas a China aséntase na capital da man do Lugo Transforma

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá á sexta das empresas que contará co financiamento da Estratexia Lugo Transforma, artellada durante a pandemia para favorecer a diversificación industrial e crear emprego estable e de calidade no municipio.

Acompañada de Jorge Leiro, analista de investimentos de Torsa Capital e do Interventor municipal, Manuel Vázquez,  Lara Méndez deu a benvida a Monkey Markets como outra das beneficiarias deste fondo emprendedor.

“Monkey Markets é unha empresa especializada no sector de alimentos e bebidas centrada na transformación dixital do proceso de comercialización con China, cuxos fundadores levan 10 anos traballando en proxectos innovadores do sector neste país. Esta startup creou a primeira plataforma dixital que integra todos os procesos necesarios para facilitar a exportación de produtos alimenticios e bebidas ao mercado chinés, fornecendo á súa carteira de clientes - cun acceso online rápido e sinxelo - da información actualizada sobre datos aduaneiros, vías de comercialización, etc”, explicou a rexedora.

“Desta maneira o seu cometido céntrase non só en poñer en contacto aos exportadores europeos cos importadores chineses, senón que tamén posibilita a creación de negocios e alianzas entre eles, articulando unha rede internacional de sinerxías”, apuntou Méndez.

A mandataria local referiu tamén que, co apoio do Lugo Transforma, do que recibirá 50.000 €, Monkey Markets poderá afrontar o seu fortalecemento, especialmente no que ten que ver co desenvolvemento de produto e marketing.  Integrada nestes momentos polos dous socios fundadores, entre as súas expectativas atópase contratar nos vindeiros 4 anos a un total de 20 traballadores/as.

“Ademais, a compañía, que xa está domiciliada en Lugo e conta coa súa sede na cidade (rúa Monforte), se incorpora ao fondo baixo a modalidade de "follow on", de maneira que, se alcanza determinados fitos, poderá obter outro investimento adicional do mesmo importe (outros 50.000 €)”, referiu.

Antes de rematar a alcaldesa puxo en valor o carácter punteiro da proposta “que foi a primeira startup española en incorporarse, en 2021, á exclusiva lista de plataformas da ONU que destacan polo uso innovador dos datos o que, á súa vez, afianza a capacidade da estratexia Lugo Transforma como polo de atracción de empresas que se atopan á vangarda dos seus sectores”.

A este respecto, o analista de Torsa Capital, Jorge Leiro fixo fincapé no “potencial de Monkey Markets, xa que proporciona contidos que resultan chave para a toma de decisións en todas as partes do proceso de exportación de calquera produto desta industria. Dende identificar as carencias que ten o propio mercado, a determinar cal é a mellor zona de China para a comercialización, as alternativas de venda máis rendibles ou os compradores idóneos, realizando un labor crucial e moi estimado para as sociedades que aspiran a introducirse no país”.

Pola súa banda, Iago Sanmartín, Co-CEO da empresa, aproveitou a súa intervención para poñer de manifesto o seu agradecemento ao Concello de Lugo “e á alcaldesa por invitarnos hoxe a facer este anuncio. Para nós a entrada de Lugo Transforma é fundamental para poder seguir desenvolvendo o noso proxecto. Ademais, estamos moi felices de poder ser parte desta estratexia e desta cidade que aposta tan forte pola innovación e a creación de emprego. Gustaríame tamén darlle a benvida á familia Monkey Markets como novo socio xunto a Netaccede e Xesgalicia e dar as gracias a Torsa Capital pola xestión e o traballo conxunto nestes meses”, afirmou.

Sanmartín incidiu en que “esta entrada abre as portas ás colaboracións cun país como China, non só ao Concello, senon tamén ás empresas que aquí residen. Desexamos os maiores éxitos para esta cidade xa que a vosa sorte será a nosa”, apuntou.

Lugo Transforma

O Fondo Lugo Transforma está constituído polo Concello de Lugo - que mobilizou 12 millóns de euros - e polas compañías Lence, Norvento Enerxía, Torre de Núñez, Grupo Arenal, Alibos, Candelas, Grupo El Progreso, Dmanáne Torsa capital que incrementaron o fondo inversor con un millón de euros máis.

Ata a data, lévanse presentado un total 75 proxectos ao fondo Lugo Transforma, dos que 12 se atopan actualmente en análise, cun investimento materializado de 1.710.000 euros nas seis incorporacións xa efectivas (LexDigo, Innogando, InVerbis, Techaway , Boldest e Monkey Markets) que xuntas crearán en torno a 210 postos de traballo directo no municipio.

Audio

  • A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez,, sobre a presentación de Monkey Markets | Descargar mp3
  • O CEO da empresa, Iago Sanmartín, sobre a presentación de Monkey Markets.mp3 | Descargar mp3
  • O analista de Torsa Capital, Jorge Leiro, sobre a presentación de Monkey Markets | Descargar mp3

Multimedia

  • A primeira plataforma dixital centrada na exportación de alimentos e bebidas a China aséntase na capital da man do Lugo Transforma

Noticias relacionadas