Os bombeiros de Lugo realizaron unha media de 32 servizos ao mes durante xaneiro e xuño, e un 26% foron incendios

Os 45 profesionais do complexo lucense atenderon un total de 195 incidencias no primeiro semestre deste 2016, un 14% menos que o mesmo período do ano anterior

Febreiro foi o mes que rexistrou maior número de incidencias, un total de 48. Pola contra, o mes de menos actividade foi marzo, con 21 intervencións

Venres, 08 de xullo de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
Os bombeiros de Lugo realizaron unha media de 32 servizos ao mes durante xaneiro e xuño, e un 26% foron incendios

Os bombeiros de Lugo realizaron unha media de 32 servizos ao mes durante o primeiro semestre do 2016, atendendo un total de 195 incidencias entre xaneiro e xuño, un 14% menos que o mesmo período do ano anterior. Do total de actuacións, un 26% foron incendios en vivendas, alpendres ou vehículos, máis de medio cento, o que supón uns 40 lumes menos que o ano 2015. Ademais, durante os meses de xaneiro e xuño, os 45 profesionais do complexo lucense tamén actuaron en 10 salvamentos ou rescates así como noutras intervencións que obedecen a outras casuísticas como a retirada de materias da vía pública, fugas de auga ou apertura de portas. O servizo de bombeiros tamén rexistrou neste período un total de 44 falsas alarmas.  

En canto á distribución temporal, febreiro foi o mes no que se rexistrou o maior número de incidencias atendidas polos bombeiros, un total de 48, seguido de xaneiro con 39, abril con 33 e maio con 30. Pola contra, os meses de menor actividade foron marzo, con 21 intervencións, e xuño, con 24.

Ao longo do primeiro semestre do ano, concretamente en xaneiro, o Concello dotou ao Parque de Bombeiros cun camión escada que alcanza 42 metros de altura, o que garantiza a evacuación de todos os edificios de Lugo,  e para o que destinou 950.000 euros. Neste momento, os bombeiros contan cunha flota de 8 camións para velar pola seguridade dos lucenses, así como cunha torre de prácticas acondicionada, extractores de gases nos camións e un armario novo para as recargas de botellas dos equipamentos de respiración, para o que o Concello destinou 130.000 euros.

Audio

Noticias relacionadas