O servizo municipal de limpeza incrementa a súa eficiencia grazas á implantación de cuarteliños que melloran o rendemento das tarefas

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, coñecía ‘in situ’ o local de San Isidro Labrador que, xunto co de Catasol, xa están operativos.

De maneira inmediata comezarán as obras para acondicionar o situado na rúa Clérigos que servirá, ademais,como Oficina de Atención Cidadá e Aula Medioambiental.

Estas dependencias permitirán a carga dos equipos lixeiros que se empregarán no aseo da contorna e que serán renovados na súa totalidade con criterios de sostibilidade e aforro enerxético.

Coa chegada da nova concesionaria ampliouse o horario do Punto Limpo do Ceao, continuado de 09:00 a 21:00 de luns a sábado, e habilitouse o número gratuíto 900.90.96.71 para que a veciñanza poida comunicar as súas incidencias.

Xoves, 18 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O servizo municipal de limpeza incrementa a súa eficiencia grazas á implantación de cuarteliños que melloran o rendemento das tarefas

Gañar en operatividade e, sobre todo, en eficiencia.

Con ese obxectivo, a nova concesionaria municipal do servizo de limpeza viaria e recollida de lixo está a habilitar diferentes cuarteliños na capital desde onde se reorganizan as brigadas que asumen as tarefas de aseo da cidade.

A rexedora lucense, Lara Méndez, acompañada polo tenente de alcaldesa Miguel Fernández, coñecía ‘in situ’ o local de San Isidro Labrador, que xunto co de Catasol xa están funcionando, mentres que de maneira inmediata comezarán as obras en Clérigos, ao que seguirá o de Río Ser.

Trátase de dependencias que contribuirán a acadar un maior rendemento da maquinaria, en tanto acurtarán os desprazamentos dos equipos que serán utilizados na contorna próxima, e permitirán ao persoal dotarse do material que precisan en cada quenda para acometer as tarefas que teñen encomendadas, diminuíndo o traxecto que deben percorrer para chegar aos puntos de actuación e rendibilizando a xornada laboral cunha maior comodidade para eles”, explicou o concelleiro de Medio Ambiente.

O edil deu conta tamén de que as instalacións foron acondicionadas para permitir a carga da maquinaria lixeira que será renovada na súa totalidade – así como a flota do parque móbil – con criterios de sostibilidade e aforro enerxético.

A sede do Centro Histórico (rúa Clérigos) servirá, a maiores, como Oficina de Atención Cidadá e Aula Medioambiental “co obxectivo de canalizar a través dela as demandas da veciñanza e fomentar, así mesmo, a concienciación e implicación da poboación no coidado e conservación da cidade, creando unha comunicación máis fluída entre Administración e administrado”, sinalou Fernández.

A este respecto, o responsable de área lembrou que os e as lucenses dispoñen xa dun número de teléfono gratuíto – o 900.90.96.71 – a través do que poden dar conta de todas as incidencias que estimen oportuno.

O tenente de alcadesa enmarcou todos estes aspectos na mellora tan importante que experimentará a prestación trala entrada en funcionamento da nova adxudicataria e conforme se vaian implementando as diferentes medidas que contempla o que “suporá un antes e un despois para a imaxe que ofrece o concello e para o seu estado de conservación – afirmou – sempre en consonancia co modelo de cidade á vangarda deseñado por Lara Méndez”.

Fernández recordou que as tarefas de limpeza diaria inclúen, entre outras intervencións, 15 operacións de barrido, baldeo e desbroce nos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, dentro das que tamén se atende ás manchas no pavimento, á recollida de follas ou froitos do arboledo, á retirada dos residuos voluminosos, así como dos excrementos de animais, das pintadas e das herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, “alén de ampliar e facer continuado o horario do Punto Limpo do Ceao, que se mantén aberto de 09:00 a 21:00 horas de luns a sábado”, engadiu.

O edil de Medio Ambiente incidiu, de igual xeito, no control e supervisión que se exercerá para garantir a eficiencia do servizo, “con inspeccións diarias dos traballos e unha auditoria de calidade que terá carácter trimestral” e encadrou nos vindeiros meses a chegada dos novos colectores, que se incrementarán até alcanzar as 4.031 unidades e que abrangue tamén aos soterrados, que a partir de outubro serán readaptados para homoxenizar a súa estética.

Audio

  • Miguel Fernández, sobre o servizo municipal de limpeza | Descargar mp3
 

Multimedia

  • O servizo municipal de limpeza incrementa a súa eficiencia grazas á implantación de cuarteliños que melloran o rendemento das tarefas

Noticias relacionadas