O San Froilán Miúdo 2015 contará con máis dunha vintena de actividades pensadas para os máis cativos

A Comisión de Festas acordou este martes nomear á xornalista radiofónica lucense Tonina Gay oferente a Rosalía de Castro

Carmen Basadre anunciou as actuacións das orquestras Solara, Tango, Trébol, Costa Dorada e El Combo Dominicano, así como os concertos de Siniestro Total, Arrhythmia, Uxía máis Narf, Liviao de Marrao e Delorean, entre outros

Martes, 01 de setembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este martes tras a Comisión de Festas a programación do San Froilán Miúdo 2015, que contará con máis dunha vintena de actividades pensadas para os máis cativos. Trátase de concertos musicais didácticos e familiares, como os do dúo barcelonés The Pinker Tones, Ensemble Lugo Classic ou a orquestra dos Sete Mares; karaoke infantil, a cargo de la Duendeneta, unha ludoteca de auga, historias musicais, maxia, xogos tradicionais ou unha festa xogueteira para nenos e nenas de menos de 6 anos, a cargo da Asociación Antonio Gandoy, entre outras actividades.

Oferente

A Comisión de Festas acordou este martes nomear á xornalista radiofónica lucense Tonina Gay oferente a Rosalía de Castro, un acto que terá lugar o 11 de outubro, o Domingo das Mozas. Tonina Gay dedicouse máis de 40 anos ao xornalismo, converténdose nunha das primeiras mulleres en traballar nas ondas.

Orquestras

Carmen Basadre adiantou tamén as orquestras que amenizarán as verbenas do San Froilán 2015, que terá lugar do 3 ao 12 de outubro. Trátase da veterana orquesta pontevedresa Solara, do conxunto musical Tango, que conta cunha traxectoria de máis de 25 anos; a formación Trébol, con máis de 63 anos ás súas espaldas, a orquestra Costa Dorada con denominación de orixe de Chantada e o fenómeno actual das verbenas galegas, El Combo Dominicano. Estas orquestras súmanse ás actuacións de La Fórmula, orquestra Compostela, Breixa Band e Acordes, anunciadas hai uns días pola edil.

“Compensamos a presenza de orquestras de Lugo con formacións musicias do resto do panorama galego, posto que o San Froilán é un festexo pensado tamén para os propios lugueses”, destacou a Concelleira.

Concertos

“O grupo galego de rock Siniestro Total actuará na Praza de Santa María o sábado 10 de outubro “, avanzou Basadre, quen sinalou que será unha formación luguesa quen tocará de teloneira desta formación viguesa, Arrhythmia.

As actuacións da galega Uxía máis Narf, da Banda Municipal de Lugo acompañada polos músicos galegos Vaamonde, Lamas & Romero, do grupo chantadino Liviao de Marrao, do grupo folk Milesios e da banda vasca Delorean están enmarcadas no programa deste festexo declarado Festa de Interese Turístico Galego e Nacional.

“Nestes festexos buscamos a variedade para que o San Froilán sexan unhas festas plurais, para todos os gustos, que ao fin e ao cabo é o que define a esta celebración dun marcado caracter popular”, sentenciou a Concelleira.

Basadre tamén adiantou que están a traballar nos pasarrúas polos diferentes barrios da cidade, para que ningún deles se quede sen actividades de música e animación.

Audio

Noticias relacionadas