O goberno de Lara Méndez pospón o cobro do ICIO e da Taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos ata a concesión da licenza

Até o momento o pagamento destes tributos, que supera un ingreso anual de 2’2 millóns de euros para as arcas municipais, era un requisito imprescindible para comezar a tramitación do procedemento

A medida trata de favorecer a recuperación da actividade no sector, dotando de maior liquidez a construtores e particulares para que, con eses cartos, fagan fronte a outros custos derivados da execución da obra

Martes, 05 de maio de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O goberno de Lara Méndez pospón o cobro do ICIO e da Taxa pola prestación de Servizos Urbanísticos ata a concesión da licenza

Dende hoxe a cidadanía lucense poderá agardar á concesión da licenza ou á comunicación de conformidade para liquidar a Taxa pola prestación de Servizos Urbanísiticos e o ICIO. Dous gravames que, ata a data, debían abonarse por adiantado no momento da presentación da solicitude xa que o pago era requisito indispensable para que comezase a tramitación do procedemento administrativo.

A decisión, adoptada polo goberno de Lara Méndez, obedece ao compromiso adquirido e anunciado pola rexedora en días pasados co empresariado da construción, tralo encontro telemático que a propia alcaldesa propiciou en abril con representantes da APEC, para abordar a recuperación do sector tralo parón derivado do confinamento.

“Falamos dunha medida cun grande impacto económico tanto para os promotores e particulares como para o Concello”, subliña o edil de Urbanismo Sostible, “xa que estes tributos supuxeron un ingreso conxunto en 2019 para as arcas municipais de 2.269.083’5€ (1.474.203€ en concepto de ICIO e 794.880’5€ pola Taxa) e a previsión para este exercicio económico alcanza os 3.010.609€ (2.048.233€ e 962.376€, respectivamente)”.

Miguel Couto incidiu na transcendencia da determinación adoptada que, “pon, unha vez máis, de manifesto a vontade do executivo de facilitar que o tecido produtivo local poida retomar a actividade nas mellores condicións”.

O concelleiro explicou que mentres o ICIO só ten aplicación naquelas intervencións nas que se autoriza a realización dunha obra, construción e instalación, a Taxa pola Prestación de Servizos Urbanísticos afecta a calquera licenza, comunicación previa ou declaración responsable que se solicite, “polo que atinxe a un volume moi importante de actuacións e implica un desembolso cuantioso que nalgúns casos pode chegar, de maneira conxunta, ao 4% do orzamento total no que se estima a obra. Non ter que anticipar estas cantidades dotará de maior liquidez aos promotores e particulares para que, con eses cartos, poidan facer fronte a outros custos derivados da súa execución”, engadiu.

“Dende o goberno sempre tivemos moi claro que esta crise sanitaria estaba a motivar a necesidade de reaccionar de forma rápida e de adoptar medidas urxentes e contundentes capaces de amortecer o impacto das consecuencias da pandemia tanto na actividade económica como social – destacou Miguel Couto. E nese sentido, o Concello de Lugo leva posto en marcha, dende que se decretou o Estado de Alarma, múltiples medidas encamiñadas a protexer o emprego, a axudar aos máis vulnerables e a brindar apoio ás empresas e negocios para que todas e todos poidamos regresar á normalidade o máis rápido posible”.

Bo exemplo das declaracións efectuadas polo responsable de Urbanismo Sostible é que o persoal deste departamento priorizou, dentro das tarefas encomendadas durante o teletraballo, a xestión dos procedementos administrativos que xa estaban iniciados, de maneira que só na Xunta de Goberno Local celebrada o pasado mes de abril o equipo de goberno concedeu o visto bo a 17 expedientes urbanísticos. Igualmente, de forma parella, estase a avaliar a adopción doutras medidas de apoio ao sector.

Audio

  • O edil Miguel Couto, sobre o aprazamento do pago do ICIO e as taxas de S.S. Urbanísticos | Descargar mp3

Noticias relacionadas