O Executivo de Paula Alvarellos culmina a reforma integral de catro vivendas de acollida para vítimas de violencia de xénero

A alcaldesa e a concelleira de Muller, Ángeles Novo, recepcionaron esta tarde estes fogares, que melloran a habitabilidade e crean espazos seguros para mulleres en situación de vulnerabilidade.

A intervención contou cun investimento de 365.342 euros, financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos.

A rexedora destacou que “os esforzos realizados para recuperar estas vivendas responden a un obxectivo claro: proporcionar ás mulleres un espazo seguro e adaptado ás súa necesidades, onde poidan iniciar unha nova etapa con dignidade e esperanza”.

Xoves, 12 de decembro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos culmina a reforma integral de catro vivendas de acollida para vítimas de violencia de xénero

O Executivo de Paula Alvarellos recepcionou catro vivendas de acollida para vítimas de violencia de xénero, tras unha reforma integral levada a cabo nos últimos meses. A alcaldesa e a concelleira de Muller, Igualdade e Inclusión, Ángeles Novo; visitaron hoxe estes inmobles totalmente rehabilitados, que melloran a súa habitabilidade, confort e eficiencia enerxética e reforzan o compromiso do Goberno Local coa protección das mulleres en situación de vulnerabilidade.

Durante a visita, Paula Alvarellos destacou que “os esforzos realizados para recuperar estas vivendas responden a un obxectivo claro: proporcionar ás mulleres vítimas de violencia machista un espazo seguro e adaptado ás súa necesidades, onde poidan iniciar unha nova etapa con dignidade e esperanza”.

O proxecto, cun orzamento de 365.342 euros, foi financiado a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia con fondos europeos, canalizados pola Xunta de Galicia. Novo tamén subliñou que “a colaboración entre administracións é esencial para facer realidade proxectos como este, que marcan un antes e un despois na vida de quen os necesita”.

Rehabilitación integral

As obras implicaron unha renovación completa do interior dos fogares, incluíndo o cambio de revestimentos, pavimentos, falsos teitos, carpintería metálica con ventás de dobre acristalamento, renovación de saneamentos e instalacións eléctricas. Ademais, actuouse nas zonas comúns dos edificios para mellorar a eficiencia enerxética e reducir custos de mantemento. Estas melloras permiten garantir un maior confort térmico e acústico para as futuras usuarias.

Ángeles Novo, pola súa parte, sinalou que “estes fogares representan moito máis que un teito: son un espazo de acollida onde estas mulleres poderán comezar a reconstruír as súas vidas, coa seguridade e os recursos necesarios para avanzar”.

Coa entrega destas vivendas, o Goberno local de Lugo reforza o seu compromiso coa igualdade e coa loita contra a violencia de xénero, ampliando os recursos destinados á protección e recuperación das mulleres que atravesan estas situacións.

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos culmina a reforma integral de catro vivendas de acollida para vítimas de violencia de xénero
  • O Executivo de Paula Alvarellos culmina a reforma integral de catro vivendas de acollida para vítimas de violencia de xénero
  • O Executivo de Paula Alvarellos culmina a reforma integral de catro vivendas de acollida para vítimas de violencia de xénero

Noticias relacionadas