O Executivo de Paula Alvarellos activa un dispositivo de limpeza sen precedentes para o San Froilán 2024

O plan especial incluíu traballos previos de limpeza intensiva e contará cun reforzo significativo en persoal e medios técnicos.

A maquinaria eléctrica permitirá reducir o impacto ambiental e minimizar o ruído nas zonas máis concurridas da cidade.

"Este ano queremos que a limpeza sexa, aínda máis se cabe, exemplar e que a veciñanza poida desfrutar dunhas festas nunha cidade impecable," subliña o concelleiro de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández.

Mércores, 02 de outubro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Paula Alvarellos activa un dispositivo de limpeza sen precedentes para o San Froilán 2024

O Executivo de Paula Alvarellos, a través da Área de Transición Ecolóxica que dirixe Miguel Fernández, activa un dispositivo especial de limpeza sen precedentes para as festas do San Froilán 2024. Este plan, que dará cobertura desde o 4 ata o 13 de outubro, pon en valor os traballos previos realizados, que incluíron desbroce intensivo, baldeo e fregado de rúas e prazas, ademais da eliminación de pintadas nas zonas onde se instalarán as casetas do polbo e as atraccións.

Os preparativos foron clave para asegurar que a cidade chegue nun estado óptimo ao inicio das celebracións. "Levamos semanas traballando para que as festas comecen coas rúas limpas e coidadas, garantindo así o mellor entorno para todas as actividades que terán lugar," destaca Fernández.

Cobertura extensa e reforzo nas zonas de maior afluencia

Durante as xornadas festivas, o dispositivo cubrirá non só as áreas tradicionais de maior afluencia, como a Praza Maior, Praza de Santa María e Horta do Seminario, senón tamén barrios como Sagrado Corazón, As Gándaras e outras zonas máis periféricas. "Queremos que todo Lugo se beneficie deste esforzo na limpeza, non só o centro, polo que ampliamos o radio de actuación para cubrir máis barrios e áreas frecuentadas polas veciñas e veciños," afirma o edil. Ademais, o número de contedores será reforzado en puntos clave, como as casetas do polbo e as zonas de botellón, con especial atención á recollida de vidro. Para iso, instalaranse contedores co sistema VACRI, un método que facilita a recollida eficiente de grandes cantidades deste tipo de envases, reducindo a necesidade de manipulación manual e mellorando a seguridade e rapidez no baleirado.

Despregue de medios mecánicos avanzados

O dispositivo de limpeza contará cunha gran variedade de medios mecánicos avanzados. Entre eles, destacan 3 barredoras de calzadas a gas natural comprimido (GNC), 3 barredoras de aceras 100% eléctricas, e 2 camións cisterna de rego e baldeo. Estas máquinas permitirán unha cobertura eficiente e sostible das áreas máis transitadas.

Ademais, estarán dispoñibles 3 camións tipo satélite para a recollida de residuos xerados nas zonas de celebración, especialmente en lugares onde se prevén concentracións elevadas de persoas. Para garantir a limpeza continua, tamén se contará con hidrolimpiadoras eléctricas, que permitirán unha intervención rápida e eficaz en espazos públicos sensibles.

Traballos especiais a primeira hora

Un dos puntos clave deste dispositivo será o traballo intenso a partir das 6 da mañá, que cubrirá tanto a zona centro como as inmediacións dos concertos. Estes labores serán especialmente importantes para dar servizo aos establecementos de hostalería, que ampliarán os seus horarios de funcionamento durante as festas. "É fundamental que a cidade comece cada xornada coas mellores condicións posibles, tanto para as actividades programadas como para os negocios locais, garantindo un entorno limpo e organizado," subliña Fernández.

Avances en mobilidade e sostibilidade

Aínda que non son novidade, os vehículos eléctricos continúan a ser unha parte fundamental do dispositivo pola súa contribución á sostibilidade e redución de ruído. Estes vehículos, como os triciclos eléctricos e as barredoras, serán esenciais para unha recollida áxil de residuos e permitirán manter as zonas limpas sen interromper as actividades. “Estamos comprometidos cunhas festas máis sostibles, onde cada xesto, como o uso destes vehículos, axuda a mellorar a calidade de vida de todos,” sinala Fernández.

Un exemplo claro desta aposta pola redución de ruído será no tradicional Desfile de Gando, onde os equipos eléctricos evitarán que o son perturbe os animais, garantindo un percorrido tranquilo e seguro tanto para o público como para os participantes.

Coordinación e resposta inmediata

Outro aspecto fundamental do dispositivo é a coordinación dos mandos intermedios, que estarán dispoñibles durante todas as festas para responder a calquera eventualidade. A disposición dun encargado xeral, unha coordinadora de servizos e catro capataces permitirá unha reacción rápida ante calquera incidencia que poida xurdir.

Audio

  • O edil de Transición Ecolóxica, Miguel Fernández, sobre o dispositivo de limpeza para o San Froilán 2024 | Descargar mp3

Multimedia

  • O Executivo de Paula Alvarellos activa un dispositivo de limpeza sen precedentes para o San Froilán 2024
  • O Executivo de Paula Alvarellos activa un dispositivo de limpeza sen precedentes para o San Froilán 2024

Noticias relacionadas