O Executivo de Lara Méndez renova, a petición dos clubs, o sistema de auga quente sanitaria do estadio municipal Gregorio Pérez Rivera

Esta actuación enmárcase dentro do Plan Dinámico de Intervención posto en marcha pola Área de Deportes para modernizar e conservar as instalacións deportivas municipais.

Substituiuse o anterior tanque acumulador por outro de aceiro inoxidable de 1.500 litros de capacidade, que xa está completamente instalado cun investimento de 14.000 euros.

Tamén se están a reparar os valos perimetrais que delimitan a pista de fútbol da Praza de San Xoan, onde se instalará unha rede de maior altura no fondo contiguo aos edificios.

Xoves, 04 de xaneiro de 2024
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Executivo de Lara Méndez renova, a petición dos clubs, o sistema de auga quente sanitaria do estadio municipal Gregorio Pérez Rivera

O Executivo de Lara Méndez, a través da Concellería de Deportes que dirixe o edil Jorge Bustos, levou a cabo a renovación e modernización do sistema de auga quente sanitaria (sistema ACS) do estadio de atletismo Gregorio Pérez Rivera dando, deste xeito, resposta á petición dos clubs que adestran nestas instalacións municipais.

Tal e como informou Bustos, “substituimos o anterior tanque acumulador por outro de aceiro inoxidable de 1.500 litros de capacidade, que xa está completamente instalado, unha actuación para a que destinamos un orzamento de 14.000 euros e que axudará a mellorar o confort dos usuarios e usuarias destas instalacións”.

O edil explicou que “a maiores desta intervención, tamén se está actuando na Praza de San Xoan, onde xa se iniciou a reparación dos valos perimetrais que delimitan a pista de fútbol, e que tamén incluirá unha modificación puntual no fondo contiguo aos edificios, coa instalación dunha rede de maior altura para impedir que a practica deportiva cause molestias”.

Jorge Bustos avanzou, así mesmo, que “proximamente atenderemos unha nova petición dos usuarios e usuarias da Casa do Deporte quenes solicitaron un punto de conexión de rede para a retransmisión por Streming dos partidos que se disputan as fins de semana nesta instalación municipal”.

O edil de Deportes lembrou que estas actuacións se enmarcan dentro do Plan Dinámico de Intervención posto en marcha pola súa área para conservar e modernizar as instalacións deportivas. En total, a capital conta na actualidade con máis de medio cento de recintos municipais destinados á práctica deportiva e ao adestramento que o Concello cede gratuitamente ao tecido asociativo e sobre os que exerce unha supervisión continuada para garantir o seu bo estado.

Nos últimos meses, desde que se comezou a implementar o novo Plan Dinámico de Intervención nas instalacións deportivas municipais, o investimento total en distintas melloras supera os 87.000 euros. “O feito de ter elaborado este documento nos está permitir desenvolver unha planificación semestral para que todas estas dependencias sigan tendo coidados axeitados”, explicou Bustos, quen matizou que todos estes traballos se están a acometer tratando de interferir o mínimo posible na actividade que cada unha das instalacións.

Audio

  • O edil de Deportes, Jorge Bustos, sobre as melloras das instalacións deportivas | Descargar mp3

Noticias relacionadas