O Concello ultima a substitución de tres desfibriladores que foron vandalizados no barrio da Milagrosa e a praza de Campo Castelo

Os aparellos serán reemplazados nas vindeiras semanas para que volvan estar dispoñibles ante unha situación de emerxencia nas súas respectivas ubicacións.

Durante o verán realizouse unha revisión dos 67 DESA para solventar posibles incidencias, trala cal xa foron dados de alta no rexistro do 061 para o seu mapeo.

A edil de Benestar Social avanzou que se cambiará a ubicación do de Augas Férreas a outro punto da praza para evitar danos no mesmo e fixo un chamamento ao civismo.

Mércores, 22 de novembro de 2023
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello ultima a substitución de tres desfibriladores que foron vandalizados no barrio da Milagrosa e a praza de Campo Castelo

O Concello de Lugo ultima a substitución de tres desfibriladores que foron vandalizados no barrio da Milagrosa, concretamente na Avenida da Coruña, nas inmediacións da rúa San Lourenzo, e na rúa Divina Pastora; así como na praza de Campo Castelo. Así o avanzou a concelleira de Benestar Social, Olga López, quen subliñou que “estamos a tramitar o seu reemplazo para que antes de final de ano volvan estar dispoñibles ante unha situación de emerxencia, nas súas respectivas ubicacións”.

Durante o verán, a empresa encargada do mantemento dos desfibriladores realizou unha profunda revisión e elaborou un informe detallado de cada un dos 67 aparellos instalados polo executivo de Lara Méndez nas diferentes instalacións municipais, así como en espazos públicos da cidade, para comprobar o seu correcto funcionamento. “Este informe, que foi entregado ao Concello a comezos de outubro, fai referencia á carencia dos tres desfibriladores referidos, así como algunha incidencia menor que quedará subsanada nas vindeiras semanas”, detallou a edil.

“Unha vez feita a revisión, seguindo o decreto de desfibriladores da Xunta de Galicia, déronse de alta como corresponde no rexistro do 061, notificando a localización dos mesmos, de maneira que sexan incorporados á ferramenta de mapeo da que dispón o Sergas para coñecer a ubicación de todos os desfibriladores que hai na comunidade”, indicou Racamonde.

A concelleira subliñou, así mesmo, que se vai cambiar a ubicación do aparello instalado Augas Férreas, que pasará a outro punto da praza, para evitar danos no mesmo, “xa que actualmente se atopa próximo ao espazo empregado polos cativos e cativas para xogar co balón”, apuntou.

Neste senso, a edil fixo un chamamento ao civismo e instou á cidadanía a que respecte os desfibriladores, en alusión aos tres aparellos que foron substraídos, lamentando “a inconsciencia dos autores para comprender que as súas accións danan un servizo cuxo único fin é salvar vidas nunha situación de emerxencia”, ao tempo que denunciou estes actos vandálicos, “así como calquera tipo de accións que danen o mobiliario urbano e o patrimonio da cidade”.

“Sería totalmente inadmisible que, no caso de que unha persoa sufra unha parada cardíaca na zona, non poida ser reanimada porque o desfibrilador foi subtraído ou non funciona correctamente tras un ataque”, concluíu.

A través do programa ‘Lugo con Corazón’ o goberno de Lara Méndez dotou á totalidade dos edificios municipais de desfibriladores, tanto da zona urbana como rural, así como ás principais prazas de Lugo, incluíndo dispositivos móbiles para os servizos de emerxencias, co obxectivo de protexer á poboación fóra do ámbito hospitalario ante posibles infartos.

Deste xeito, Lugo converteuse na cidade máis cardioprotexida do noroeste ao triplicar o cociente español destes soportes vitais. Ademais, paralelamente a súa instalación, o executivo municipal puxo en marcha cursos de formación para o seu correcto uso destinados tanto ao conxunto da cidadanía, como aos empregados municipais das distintas dependencias.

Audio

  • A concelleira de Benestar Social, Olga López, sobre os desfibriladores | Descargar mp3

Noticias relacionadas