O Concello mellora a plataforma municipal de xestión de Servizos Sociais para reforzar a atención á cidadanía e a coordinación entre departamentos

A Xunta de Goberno Local aprobará mañá unha modificación do contrato por valor de 13.358 euros que permitirá optimizar procesos e integrar a aplicación cos sistemas municipais.

A actualización incorpora novas funcionalidades que axilizan trámites, evitan duplicidades e permiten xerar informes útiles para a planificación e seguimento da actividade.

A concelleira Olga López subliña que “avanzamos cara a un modelo máis áxil e eficaz, superando as limitacións doutros sistemas que non permiten interoperar con outras administracións”.

Martes, 29 de xullo de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello mellora a plataforma municipal de xestión de Servizos Sociais para reforzar a atención á cidadanía e a coordinación entre departamentos

A área de Benestar Social e Maiores levará mañá á Xunta de Goberno Local a aprobación dunha mellora técnica na plataforma municipal de xestión de Servizos Sociais, cun investimento adicional de 13.358 euros. A aplicación, que permite a tramitación integral dos expedientes asistenciais e a coordinación entre departamentos, foi impulsada no seu día co apoio da estratexia europea DUSI – Muramiñae para avanzar na modernización da administración local e mellorar a calidade dos servizos públicos.

“A dixitalización non é un fin en si mesmo, senón unha ferramenta para gañar eficacia e para que cada persoa usuaria note que o Concello responde con máis rapidez e mellor coordinación,” sinalou a concelleira Olga López, quen destacou que con esta actualización o Goberno local reforza o compromiso cun modelo de xestión máis áxil e eficaz, dotando ao persoal técnico dunha ferramenta máis completa e interconectada. A nova versión da plataforma permitirá, entre outras cuestións, integrar a tramitación coa sede electrónica do Concello, facilitando que os procedementos administrativos poidan iniciarse e completarse desde un único sistema. Así mesmo, introduciranse melloras no sistema de sinatura electrónica, reducindo os tempos de formalización dos documentos e aumentando a trazabilidade dos expedientes.

Outro dos avances será a depuración automatizada de duplicidades nos rexistros das persoas usuarias, grazas ao cruzamento cos datos do padrón municipal e doutros sistemas públicos. Isto permitirá eliminar erros e redundancias que lastran a eficiencia dos servizos sociais. Ademais, a aplicación ofrecerá novas opcións de explotación de datos e elaboración de informes estatísticos, unha funcionalidade clave para a planificación e o seguimento da actividade das distintas unidades que conforman a área de Benestar.

A actualización tamén permitirá o acceso cruzado á información común por parte dos diferentes equipos profesionais da área, evitando tarefas repetidas e facilitando unha atención máis coordinada, especialmente en casos que requiren intervencións complexas ou transversais.

A responsable da área advertiu tamén das limitacións que presentan sistemas de uso obrigatorio como o SIUSS, da Xunta de Galicia, que non permiten conectar con outras aplicacións ou iniciar trámites noutras plataformas, o que dificulta a atención integral. “Con esta ferramenta municipal estamos a superar esas limitacións e construíndo un sistema adaptado á realidade local, que permite traballar dun xeito máis útil, conectado e transparente”.

Con esta actuación, o Executivo que lidera Miguel Fernández consolida unha infraestrutura tecnolóxica pioneira, que segue a medrar tras un primeiro impulso financiado con fondos europeos. Unha aposta clara pola dixitalización da administración, que non só supón unha mellora para a organización interna, senón que reverte directamente na calidade da atención á veciñanza e na capacidade de resposta ante as súas necesidades.

Audio

  • A edil Olga López Racaamonde, sobre a plataforma municipal de xestión de Servizos Sociais | Descargar mp3

Noticias relacionadas