As multas, que supoñen ao redor da cuarta parte das detectadas dende o 15 de xuño pola Policía Local, ascenden a un total 101.700 euros.
A obriga de asumir a tramitación deste tipo de infraccións, que son competencia autonómica, terá un custo anual para a Administración local de 58.000 euros.
Miguel Fernández: “instamos á cidadanía a respectar as medidas sanitarias xa que, lonxe dun afán recadatorio, pretendemos impulsar o cumprimento das normas de protección. Todos debemos coidarnos e coidar tamén aos demais”.

O Concello iniciou xa 273 procedementos sancionadores por infraccións á normativa autonómica do Covid.
As multas, segundo indicou Miguel Fernández, supoñen ao redor da cuarta parte das tramitadas pola Policía Local dende o pasado mes de xuño, por incumprir a Lei de Saúde de Galicia na que figuran recollidas (a través do Decreto Lei 21/2020, de 09 de xuño) as medidas de prevención e contención fronte á crise sanitaria que ocasionou a pandemia, tras recuperar a Xunta, logo do Estado de Alarma, a titularidade na materia.
“En total, os expedientes xa abertos ascenden a 101.700 euros ou 50.850 € no caso de que se proceda ao seu pronto pago”, destacou o portavoz do goberno.
A encargada de efectivizar o cobro será a empresa que asume a colaboración na xestión administrativa e recadación de multas, despois de que a Xunta de Goberno Local autorizara a modificación do contrato en vigor, ante a insuficiencia de medios técnicos e de recursos humanos propios da institución para asumir directamente este cometido.
Unha tarefa que lle suporá anualmente a Administración local un custo de 58.080 euros pero que prácticamente quedará compensado co abono destas primeiras sancións.
“En calquera caso, dende o executivo local instamos á cidadanía a respectar as medidas sanitarias impostas xa que o que se persegue, lonxe dun afán recadatorio, é impulsar o cumprimento das normas de protección. Todos debemos coidarnos e coidar tamén aos demais”, apuntou Miguel Fernández.
Cómpre lembrar que, pese a que os informes emitidos pola Avogacía do Estado ratifican que se trata dunha competencia autonómica, son os Concellos os que, seguindo o criterio do Consello Consultivo de Galicia están a exercer esta función, na que tamén se inclúe a tramitación das infraccións interpostas, dentro desta casuística e no ámbito territorial do municipio, polo resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Garda Civil, Policía Nacional e Policía Autonómica).
Audio
- O concelleiro de Medio Rural e Deportes, sobre os expedientes sancionadores do Covid | Descargar mp3