O Concello de Lugo adxudica o contrato para deseñar as medidas que rexerán a Zona de Baixas Emisións do Centro Histórico

A Xunta de Goberno outorgou o proxecto á empresa Desarrollo, Organización y Movilidad S.A. por un importe de 47.795 euros.

O estudo servirá para obter toda a información que permita, baixo parámetros de xustiza social, tomar decisións que incrementen a eficacia das peonalizacións do Corazón Verde e axuden a protexer o patrimonio e a saúde da cidadanía.

Comeza agora un prazo de 6 meses para realizar medicións, analizar os datos e mesmo redactar unha Ordenanza específica ou modificar a actual de circulación.

A implantación de ZBE obedece á imperativo ao que obriga a Lei de Transición Enerxética para os concellos de máis de 50.000 habitantes.

Xoves, 06 de outubro de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello de Lugo adxudica o contrato para deseñar as medidas que rexerán a Zona de Baixas Emisións do Centro Histórico

A Xunta de Goberno local vén de outorgar na sesión desta semana o contrato para deseñar as medidas que regularán a Zona de Baixas Emisións do Centro Histórico.

A empresa Desarrollo, Organización y Movilidad S.A, adxudicataria da licitación, disporá agora dun prazo de 6 meses para realizar o conxunto de medicións necesarias e o análise de datos que permita adoptar, baixo parámetros de xustiza social, aquelas decisións que incrementen a eficacia das peonalizacións do Corazón Verde e axuden a protexer o patrimonio e a saúde da cidadanía.

Méndez lembrou que os traballos comprenden, así mesmo, a redacción de Ordenanzas municipais, como pode ser a que regule a propia ZBE ou a modificación da Ordenanza de circulación existente, así como a elaboración do informe final e do documento de proxecto completo, incluíndo a elaboración de planos e o resto de traballos previos.

“Trátase de acompasar o deseño do Corazón Verde de Lugo coa posta en marcha do resto de medidas que lle dan sentido ao conxunto destas intervencións nas que a persoa é a protagonista do espazo urbano e pode gozar da riqueza histórica e artística da cidade, contribuíndo á súa dinamización e ao coidado e protección do medio ambiente, da saúde e do patrimonio, sostivo Lara Méndez.

A rexedora enmarcou a creación desta ZBE no imperativo ao que obriga a Lei de Transición Enerxética para os concellos de máis de 50.000 habitantes pero, “será, sen dúbida tamén, un aliciente para seguir incrementando a calidade de vida da veciñanza lucense mediante a mellora da calidade do aire e a diminución da contaminación acústica e atmosférica”, concluíu a alcaldesa lucense.

Noticias relacionadas