O Concello concede 32.000 euros en axudas ao bono-taxi e asociacións de servizos sociais

A entidade local destina 5.200 euros ás subvencións dirixidas a persoas con discapacidade física para o uso de taxi adaptado e 27.087 euros a actividades e ao mantemento de instalacións de colectivos sociais

Mércores, 23 de decembro de 2015
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a concesión de dúas liñas de axudas en materia social que suman máis de 32.000 euros, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Trátase dos programas de axudas para persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi, para o que o Concello destina 5.200 euros, e subvencións a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo programas e actividades e para o mantemento e conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo estas actividades, por 27.087 euros.

Un total de 10 persoas presentaron a súa solicitude para o bono-taxi, 4 non cumprían as bases requiridas para poder optar a estas axudas, polo que foron concedidas un total de 6. Neste senso, o voceiro avanzou que serán 4 as persoas que recibirán unha axuda de 800 euros anuais e dúas de 1.000 euros anuais –ao estar empadroadas na zona rural-, ao tempo que lembrou que o Concello de Lugo conta na actualidade con tres taxis adaptados, converténdose o pasado ano na primeira cidade de Galicia en contar na flota de taxis co 5% de vehículos adaptados, o ratio que recomenda a Lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras.

“Coa concesión destas axudas, reafirmamos a aposta clara e decidida do Concello polas políticas de Benestar Social, un dos piares básicos da nosa acción de Goberno”, asegurou Fernández, quen destacou que o Concello de Lugo é o primeiro concello de Galicia en investimento social e o cuarto de España, destinando un 18% do orzamento a actuacións de protección e promoción social.

Por outra banda, foron un total de 17 colectivos os que realizaron solicitudes para as axudas a asociacións, das cales 2 non cumprían as bases e 3 renunciaron á solicitude, polo que se concederon 12. Os colectivos beneficiarios son, Voluntariado Penitenciario Lucense, Asociación Fenilcetonúrica e OTM de Galicia, Fundación Dano Cerebral, Asociación Galega de Fibromialxia, Fundación Amigos de Galicia, Asociación socio-educativa Antonio Gandoy, Aliad Ultreia, Asociación Cultural de Axuda a Enfermos Crónicos, Asociación Galega de Hemofilia, Fundación Juan Soñador, Asociación Parkinson Lugo e Asociación Enriqueta Otero As Quetas.

Reclamacións e suxestións

O voceiro adiantou que na Xunta de Goberno desta mañá deuse conta da listaxe de reclamacións e suxestións presentadas no Concello de Lugo dende o derradeiro informe, do día 13 de novembro de 2015. “Neste período recibíronse 10 reclamacións e 1 suxestión”, asegurou o voceiro. As reclamacións responden ás dependencias de Facenda Local, Tesourería, Tarxeta Cidadá, Estatística, Participación Cidadá, Cultura, Medio Ambiente (2), Unidade de Sancións e Brigada de Augas. A suxestión responde á Policía Urbana. Das 10 reclamacións, 4 están resoltas e 6 pendentes e en prazo. A suxestión está pendente e en prazo.

Padroado Fundación Feiras e Exposicións

Na sesión celebrada este mércores aprobouse a adscrición de diferentes concelleiros ao Padroado da Fundación Feiras e Exposicións, de forma que a composición municipal do devandito padroado queda formado pola Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e polos concelleiros Antonio Ameijide e Rubén Arroxo. Como suplentes, o resto de concelleiros do Grupo Municipal Popular por orde de candidatura e Tareixa Antía Ferreiro.

Noticias relacionadas