O Concello comeza hoxe a posta a punto de 17 centros educativos cun dispositivo especial e intensivo de limpeza

A área de Medio Ambiente desprega un operativo de 20 traballadores e traballadoras para reforzar a adecuación no interior e exterior de colexios e escolas infantís.  

Xa arrancou a posta a punto dos patios e pavillóns, mentres que as actuacións nas distintas dependencias dos centros de ensinanza se desenvolverán entre os días 1 e 9.

A tenente de alcalde, Ana González Abelleira, destaca que “con este dispositivo especial atenderemos ademais as demandas específicas daqueles colexios que o soliciten”.

Xoves, 28 de agosto de 2025
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello comeza hoxe a posta a punto de 17 centros educativos cun dispositivo especial e intensivo de limpeza

A área de Medio Ambiente do Concello de Lugo puxo en marcha hoxe un dispositivo especial e intensivo para a limpeza e posta e punto de ata 17 centros educativos públicos, entre os colexios e as escolas infantís do municipio. Esta mesma tarde comezaron os labores de limpeza dos pavillóns e patios dos colexios, nos que se traballará ata o vindeiro 15 de setembro. Este dispositivo de reforzo está composto por 20 operarios e operarias, que actuarán durante máis de 800 horas no interior destes centros e outras 206 nas zonas exteriores.

Así o explicou a tenente de alcalde, Ana González Abelleira, quen falou cos responsables deste servizo e cos operarios desta brigada de reforzo, que esta mesma tarde comezaron a súa intervención no colexio de Albeiros. A tamén edil de Cohesión Territorial destacou que “este reforzo é posible gracias ás condicións establecidas no novo prego de limpeza de interiores, para edificios municipais e centros educativos públicos, aprobado o 17 de xaneiro deste ano, que incluía un incremento do 17 por cento no cadro de persoal, a modernización de todos os recursos materiais e un aumento do 34 por cento nas horas de servizo. Con este novo contrato, hai unha bolsa de horas que se poden dedicar a reforzar a limpeza en determinadas dependencias municipais pola celebración de eventos ou actividades, ou, como neste caso, ante o comezo do curso”.

González Abelleira, fixo fincapé neste punto e sinalou “que gracias ás melloras introducidas no novo contrato podemos responder con máis medios e maior efectividade ás demandas que nos soliciten desde os distintos centros educativos. O obxectivo final é que colexios e escolas infantís estean en perfecto estado para o comezo do curso escolar”.

As e os limpadores deste servicio de reforzo se sumarán aos dous ou tres por centro que realizan estes labores de limpeza de xeito habitual. O obxectivo é, por unha banda, poñer a punto os centros educativos da cidade ante o comezo do curso escolar e, por outra, cubrir as demandas que, de forma particular, realizaron algúns destes colexios.

Os centros nos que se actuará ao longo destes días son: Luis Pimentel, Quiroga Ballesteros, Nadela, Gándaras, Paradai, Albeiros, Sagrado Corazón, Illa Verde, Menéndez Pelayo, As Mercedes, Casas, A Anexa, A Ponte, Rosalía de Castro, ademais de nas escolas infantís de Illa Verde, Rosalía de Castro e Fingoi II. 

Esta mesma tarde comezaron os labores de limpeza das instalacións exteriores dos centros educativos, como zonas de xogo, patios e pavillóns, nas que se empregarán a fondo dous operarios, coa utilización de máquinas de auga a presión e tratamentos específicos para deixar a punto todas estas instalacións exteriores. Tamén se prestará especial atención á limpeza do mobiliario urbano nestas zonas, actuando por exemplo en bancos, papeleiras, balaustradas e farois.

O dispositivo especial de limpeza desenvolvido desde a área municipal de Medio Ambiente intervirá tamén nas dependencias e instalacións interiores dos colexios. Ese operativo comezará ditas tarefas a partir do vindeiro 1 de setembro, e se prolongarán ata o día 9. As clases nestes centros de ensinanza Primaria empezarán o día 8, polo que desde o Concello de Lugo se decidiu manter este operativo ata o día 9, para que haxa persoal de reforzo que poida facer fronte a outras necesidades de limpeza que xurdan co comezo da actividade escolar.

Nas actuacións contempladas neste despregue de limpeza non só afectan á posta a punto de aulas, corredores, patios, aseos, despechos ou comedores, senón tamén a dependencias novas, como é o caso do CEIP Menéndez Pelayo, que este curso estrea biblioteca, e que, debido ás obras, requirirá unha limpeza máis exhaustiva. O mesmo ocorre con outros centros que aproveitan os meses de verán para facer reformas, como ocorreu no colexio das Mercedes, no Montirón, que acometeu obras para arranxar a súa cuberta, e que polo tanto precisa dunha maior limpeza.

Ao igual que con estes centros, desde Medio Ambiente, intentarase dar resposta ás distintas demandas realizadas polos diferentes colexios, que van desde intervencións integrais por obras, ou limpezas en xogos infantís, areneros e zonas de recreo ata a eliminación de pintadas con vapor de auga e produtos químicos autorizados en paredes e muros dos centros educativos.

Multimedia

  • O Concello comeza hoxe a posta a punto de 17 centros educativos cun dispositivo especial e intensivo de limpeza
  • O Concello comeza hoxe a posta a punto de 17 centros educativos cun dispositivo especial e intensivo de limpeza

Noticias relacionadas