O Concello achega á CHMS unha proposta que evita ancorar a Plataforma de Baño ao leito do río para acadar así o beneplácito da Xunta

A alternativa pasaría por amarrar os mortos de formigón na beira do Miño, tal e como se instalan estas estruturas en augas encoradas, ocasionando un menor impacto ambiental

A área de Medio Ambiente acompañou a solicitude de modificación non substancial das piscinas flotantes da documentación oportuna para propiciar a avaliación inmediata da medida e a conseguinte apertura das instalacións.

Miguel Fernández reitera a súa petición de colaboración ás Administracións implicadas para que aborden o procedemento de revisión con axilidade.

Venres, 01 de xullo de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Concello achega á CHMS unha proposta que evita ancorar a Plataforma de Baño ao leito do río para acadar así o beneplácito da Xunta

O Concello de Lugo acompañou a súa solicitude á Confederación Hidrográfica para proceder a unha modificación non substancial da ubicación das piscinas flotantes cunha proposta complementaria de cambio que evitaría depositar os mortos de formigón no leito do Miño.

“Trátase de poñer en coñecemento do Organismo da Cunca que, logo de constatar que na nova localización non parece existir a mesma densidade de mexillón, existe a posibilidade de dimensionar o ancoraxe da estrutura á beira fluvial, evitando así calquera acción invasiva sobre o fondo do río e mesmo a posibilidade de ter que realizar un traslado dos exemplares da especie que poidan aparecer na zona”, explicou o tenente de alcaldesa, Miguel Fernández.

O responsable de área indicou tamén que a concellería de Medio Ambiente enviou, así mesmo, a documentación oportuna para propiciar a avaliación inmediata da medida e a conseguinte apertura das instalacións.

“Falamos dun sistema que se emprega precisamente para habilitar este tipo de dotacións en espazos de augas encoradas, emprazamento no que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural consideraba que se daban as condicións preferentes segundo sinalou no seu informe, polo que agardamos que toda vez que a Confederación lle remita o expediente ao ente autonómico para o seu análise, este sexa receptivo ás modificacións propostas”, sinalou o edil.

Neste mesmo sentido, Miguel Fernández reiterou, unha vez máis, a súa petición de colaboración ás Administracións implicadas para que aborden o procedemento de revisión con axilidade.

“Dixemos que o Concello de Lugo faría todo o posible para acadar a apertura da Zona de Baño Público este verán e así está a ser. Agardamos que o resto de organismos públicos respondan da mesma maneira á vista da importante demanda social que ten esta infraestrutura”.

Audio

  • O tenente de alcaldesa, Miguel Fernández, sobre a estrutura amarrada á beira do río | Descargar mp3

Noticias relacionadas