O Concello abre o prazo de matrícula para os admitidos nos cursos de natación en Frigsa e nas Pedreiras

Martes, 13 de novembro de 2007
Fonte: 
Gabinete de Prensa

A Concellería de Deportes, que dirixe José Manuel Díaz Grandío, abre mañá, mércores, o prazo de matrícula para os os admitidos nos cursos de natación que se organizan nas piscinas de Frigsa e As Pedreiras.

O prazo de solicitude de praza rematou o venres nas instalacións das dúas piscinas, pero agora abre o prazo de matrícula entre mañá e o 28 deste mes. Só poderá realizarse este trámite nas instalacións da Concellería de Deportes, no parque da Milagrosa.

Como en anteriores anos, os cursos en Frigsa son para adultos nas categorías de iniciación, aprendizaxe e perfeccionamento, en distintos horarios dende as oito da mañá até as dez menos cuarto. Haberá clases en dúas quendas diferentes: os luns, mércores e venres e os martes e xoves.

Para os nenos hai tamén as tres categorías de aprendizaxe pero en quendas de dous días: luns e xoves, martes e venres e mércores e sábado. O custe mensual do curso é de 17 euros para nenos e de 20,50 para adultos en quendas de dous días. Con tres días de clase á semana o prezo do curso ascende a 27,30 euros.

Na piscina das Pedreiras só se impartirán clases de aprendizaxe e de iniciación en quendas de dous días: luns e mércores e martes e xoves.

Os prezos do curso e os horarios dispoñibles poden consultarse nas instalacións das piscinas.

Noticias relacionadas