O Caudal Fest Lugo suma un novo concerto, o último de Izal en Galicia, nunha edición que aspira a bater o récord de asistentes

A exitosa banda española pecha o cartel do festival, impulsado polo Goberno de Lara Méndez, que se celebrará o 16 e 17 de setembro na contorna do río Miño.

Izal súmase a nomes como Robe, Estopa ou Morad como grandes atractivos desta cita, que en edicións anteriores deixou máis de 3 millóns de euros no municipio.

A rexedora sostén que esta cita é “clave xa para captar un turismo de calidade de festivais, acadando en anteriores edicións un retorno económico de máis de 3 millóns de euros”

Este venres anunciarase a distribución dos artistas por días e o vindeiro luns, ás 12:00 horas, poñeranse á venda as entradas para cada xornada.

Xoves, 25 de agosto de 2022
Fonte: 
Gabinete de Prensa
O Caudal Fest Lugo suma un novo concerto, o último de Izal en Galicia, nunha edición que aspira a bater o récord de asistentes

A aposta da Alcaldesa, Lara Méndez, por impulsar a Lugo no circuito de festivais de verán a través do Caudal Fest (#AúltimaGranFestaDoVerán), suma un novo grupo ao seu cartel deste ano, Izal, que se atopa na súa xira de despedida como banda, Hogar, e que elixiu o parque do Miño lucense para decirlle adeus aos seus fans de Galicia.

A exitosa banda española pecha, deste xeito, o cartel do festival, xa consolidado como a terceira cita de referencia na cidade –xunto co San Froilán e o Arde Lucus– e un dos eventos máis agardados no panorama musical galego e español, “clave xa para captar un turismo de calidade de festivais, acadando en anteriores edicións un retorno económico na cidade de máis de 3 millóns de euros e beneficiando a todos os sectores: hoteis, bares, restaurantes, comercios, etc. sendo un importante revulsivo tamén para os municipios limítrofes”, sostén a rexedora.

En efecto, o 40% dos asistentes proceden de fóra de Galicia. Só na primeira edición, no 2018, a cita atraeu á cidade a unhas 22.000 persoas, e este ano o Caudal aspira a bater o seu récord de asistentes. Un dos grandes atractivos do festival tamén é que se organiza na contorna do Miño, unha zona de gran valor natural e paisaxístico que o executivo municipal está a potenciar a través de diferentes actuacións enmarcadas na estratexia DUSI Muramiñae, co obxectivo de achegar a trama urbana da cidade ao río.

A edición deste ano é unha das máis agardadas, pois o festival recupera o seu formato tralas restriccións pola pandemia, e faino co cartel máis ambicioso que tivo ata o momento, con máis de 20 artistas e grupos, entre os que destacan nomes como Robe Iniesta, cantante e líder de Extremoduro; Estopa, que elixiu Lugo como único festival ao que asistir este verán; ou Morad, que arrasa con millóns de escoitas en todas as plataformas dixitais, sendo un dos grandes atractivos para o público máis novo.

A estes cabezas de cartel engádese agora a banda madrileña Izal, que se despide dos escenarios nesta última xira, tras máis de 12 anos de actividade. Formados en 2010, foron ao longo deste período protagonistas destacados da nova xeración da escena independente nacional, vendendo centos de miles de discos e centos de miles de entradas ao longo das súas extensas xiras por ambos lados do Atlántico. O grupo elixiu o Caudal Fest para despedirse do seu público en Galicia, tras anunciar un parón indefinido.

Mañá, venres, a organización do Caudal anunciará a distribución dos artistas para o venres, 16 de setembro, e o sábado, 17, e o vindeiro luns, 29 de agosto, ás 12:00 horas, poñeranse á venda as entradas para cada xornada do festival.

Programación variada e de calidade

O cartel desta edición presenta unha gran calidade e variedade musical con artistas e grupos consolidados e outros de recente proxección que arrasan entre a mocidade.

Así, o Caudal volverá ser o epicentro da música en directo en Galicia con actuacións como as de: Robe, que durante máis de tres décadas actuou como líder de Extremoduro, a maior banda de rock en castelán de todos os tempos; Estopa, un dos fenómenos musicais máis importantes das últimas décadas en España; Morad, o artista emerxente máis escoitado a nivel nacional dentro do xénero urbano; ou Izal, unha das formacións máis grandes dos últimos dez anos no noso país.

León Benavente, Ilegales, Delaossa, Cupido, Ciudad Jara, Mujeres, Fresquito y Mango son outros dos nomes destacados do festival de Lugo neste 2022. Así mesmo, a presenza de artistas galegos tamén está garantida coas actuacións de Terbutalina, Grande Amore ou Apart, así como dos lucenses de Forget La France e Infrarroja.

Audio

 

Noticias relacionadas