As propostas do colectivo están centradas en cambios e mellora da sinalización, acondicionamento de espacios e colocación de novo mobiliario urbano.

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, mantivo esta mañá unha reunión con varios integrantes da Asociación de Veciños Ronda Mercedes-Músico Xosé Castiñeira, para coñecer de primeira man as principais demandas para o barrio. Así, directivos e directivas deste colectivo veciñal trasladaron ao rexedor municipal varias propostas coas que se pode mellorar este barrio, centradas en cambios da sinalización e da iluminación; colocación de novo mobiliario urbano e adecuación de espacios.
Este é o primeiro encontro oficial entre o rexedor municipal e este colectivo veciñal, que serviu tamén para que os integrantes da asociación comunicaran ao alcalde as súas propostas, ideas e actuacións coas que nun futuro se podería mellorar este barrio da zona sur da cidade.


