A Noite Aberta do comercio lugués regresa este venres

O Concello vai da man das autónomas unha vez máis con esta iniciativa, “porque é boa para o comercio de proximidade e de calidade, así como para a cidade, que a facemos entre todos”, subliñou  a Alcaldesa na presentación deste evento

Nesta edición participarán preto de 90 establecementos do centro da cidade, identificados cunha alfombra rosa. Haberá un Gran Desfile na Praza Maior e diversas actuacións musicais, así como sorpresas nos locais

Mércores, 28 de setembro de 2016
Fonte: 
Gabinete de Prensa
A Noite Aberta do comercio lugués regresa este venres

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, a presidenta e a vicepresidenta da Asociación de Autónomas de Lugo, Nora Real e Marta López, respectivamente presentaron este mércores no Salón de Plenos a VII Noite Aberta Open Night, que acollerá a cidade luguesa o vindeiro venres, 30 de setembro, a partir das 17:00 horas. O Concello vai da man das autónomas unha vez máis con esta iniciativa, “porque é boa para o comercio de proximidade e de calidade, así como para a cidade, que a facemos entre todos”, subliñou  a Alcaldesa no acto, ao que tamén asistiu a Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto.

Lara Méndez agradeceu o continuo esforzo e traballo da Asociación de Autónomas por “crer e apostar por unha actividade como é a Noite Aberta, máis aló do exercicio da propia actividade”. Nesta liña, a Alcaldesa enxalzou a Noite Aberta como noite referente da cidade, unha data que teñen os lucenses marcada no calendario como inicio das festas do San Froilán. Para rematar, convidou aos veciños e visitantes a participar neste día de descontos e diversión.

Nesta liña insistiu o Vicepresidente da Deputación, quen manifestou a colaboración tanto da entidade provincial como da Fundación TIC con “esta iniciativa madura, que ten utilidade e unha resposta social detrás dela, e que ademais impulsa un dos grandes valores que temos, o comercio”.

90 establecementos
Pola súa banda Nora Real e Marta López avanzaron as actividades enmarcadas dentro desta VII Noite Aberta, na que participarán máis de 90 establecementos do centro da cidade, identificados cunha alfombra rosa, que entre as 17:00 e as 00:00 horas ofrecerán múltiples descontos nun amplo catálogo de produtos de téxtil, calzado, complementos ou xoias, así como sorpresas para todas as persoas que se acheguen aos locais. Un ano máis, na Praza Maior a partir das 17:30 horas, celebrarase o Gran Desfile de Moda, presentado pola artista lucense Lucía Pérez. Ás 22:00 horas terá lugar un espectacular fin de festa, coa solta de faroliños.

Nas propias tendas haberá tamén iniciativas, como sorteos, actuacións en directo, cátering ou coctelería e invitados especiais. Entre eles, a directora da revista Galicia De Moda, Belén Correa, ou a modelo e presentadora Paloma Lago.

Audio

  • Lara Méndez, Alcaldesa de Lugo, sobre a VII Noite Aberta | Descargar mp3

Noticias relacionadas