As mulleres do rural e Red Eléctrica doan ao Concello de Lugo 445 quilos de carne para colaborar na atención ás persoas vulnerables

Fademur mandou hoxe os alimentos, que se distribuirán nas cestas de alimentos ás familias usuarias dos Servizos Sociais e da Casa da Muller.

A carne procede de explotacións gandeiras da provincia, especialmente das familiares máis pequeñas e ás dirixidas por mulleres, fundamentais para sustentar o rural

Luns, 20 de abril de 2020
Fonte: 
Gabinete de Prensa
As mulleres do rural e Red Eléctrica doan ao Concello de Lugo 445 quilos de carne para colaborar na atención ás persoas vulnerables

A Federación de Asociacións de Mulleres Rurais e Red Eléctrica veñen de entregar á área de Cohesión Social 445 quilos de tenreira galega, no marco da iniciativa “#Alimentos_Solidarios” para colaborar co Concello de Lugo na xestión da crise sanitaria.

A doazón era recibida, esta mañá, polas edís Olga López Racamonde e Ana González Abelleira que agradecían o xesto destas entidades “nun momento no que boa parte da veciñanza atravesa por dificultades económicas debido á perda de emprego polo peche de moitos negocios”.

En total, a administración local recibiu 220 kg de xarrete e outros 225 de entrecosto, que  pasarán a repartirse ben nas cestas de alimentos coas que Servizos Sociais axuda ás familias máis vulnerables, a razón dunhas 30 por semana, ben ás mulleres – e ás súas crianzas -  usuarias da Casa da Muller e dos pisos de acollida para vítimas de violencia de xénero e que, actualmente, se sitúan tamén ao redor da trintena.

“Queremos subliñar a importancia desta colaboración – indicaron as concelleiras – polo dobre obxecto que acada xa que pasa tanto por aportar un ben básico, como é a comida – de gran calidade e valor nutricional - a quen máis o necesita como por apoiar aos produtores locais aos que lles foi adquirida”, destacou Ana González.

Unha circunstancia á que tamén apuntaron dende Rede Eléctrica e FADEMUR que atribuíron á súa participación na iniciativa co obxectivo de mitigar o impacto que a pandemia do coronavirus está a provocar en moitas localidades de todo o territorio.

“O proxecto ‘#Alimentos_Solidarios’ axuda a explotacións agrarias que, debido ao peche de canles de comercialización e aos cambios nos hábitos de consumo, xa se están resentindo e que son fundamentais para sustentar o tecido produtivo rural mais igualmente persegue ofrecer apoio a institucións que asisten durante esta crise a familias e colectivos en risco de exclusión” sostivo Verónica Marcos, de FADEMUR que tamén aplaudiu o labor encomiable realizado polas adminstracións durante esta crise “e que necesitan do impulso de todos”.

Segundo trasladan dende esta entidade, FADEMUR -en colaboración coa Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA)- distribúe a axuda económica de Rede Eléctrica entre as producións agrícolas e gandeiras máis afectadas por esta situación. A selección de produtores realízase priorizando aquelas explotacións familiares máis pequenas, así como ás dirixidas por mulleres. Coa adquisición deses alimentos frescos e de primeira calidade a estes negocios locais conséguese compensar os seus custos de produción e reducir as súas perdas económicas.

Pola súa banda, a responsable de Benestar, enxalzou “por unha banda, a transcendencia do sector primario no noso municipio, que nunhas circunstancias como as que estamos a atravesar aínda adquire moito máis protagonismo pola valía que ten o traballo agrogandeiro” ao tempo que destacou como “un dos aspectos máis positivos desta pandemia, a rede de solidariedade que está propiciando e que pon de manifesto que a unión de esforzos, especialmente cando favorece que público e privado camiñen xuntos, permítenos non só ser máis eficaces, senón tamén chegar máis lonxe”, concluíu Olga López.

Fademur mandou hoxe os alimentos, que se distribuirán nas cestas de alimentos ás familias usuarias dos Servizos Sociais e da Casa da Muller.

A carne procede de explotacións gandeiras da provincia, especialmente das familiares máis pequeñas e ás dirixidas por mulleres, fundamentais para sustentar o rural

Noticias relacionadas